A Casa de Rosalía volve abrir a fiestra no pasamento da poeta nacional

A quinta edición do festival 'Abride a Fiestra' reúne música, teatro, visitas guiadas e moitas actividades máis na Casa da Matanza de Padrón.
rosalia 1
photo_camera (Foto: Casa de Rosalía)

‘Abride a Fiestra’ celébrase na Casa-Museo da Matanza, en Padrón, para lembrar o pasamento da poeta nacional e está organizado pola Fundación Rosalía de Castro.

Esta é a quinta edición dun festival que colle as palabras que parece ser que dixo Rosalía no leito de morte: “Abride a fiestra que quero ver o mar”, e así este festival abre as fiestas e as portas para que as e os visitantes poidan realizar actividades de todo tipo.

Desde a mañá e até ben entrada a noite, a Casa da Matanza de Padrón, na comarca do Sar, énchese de actividades e propostas diferentes e para todo tipo de idades e gustos.

Haberá, tamén, a entrega á familia de Octavio San Martín da Rosa da Galiza, recoñecemento ao traballo, compromiso e labor de quen fora presidente da Casa de Rosalía entre 1965 e 1970. “Fixo un traballo impresionante”, como recoñece o presidente da Fundación, Anxo Angueira.

O Festival faise na data do pasamento de Rosalía de Castro, da que este ano fanse 138 anos. Unha xornada marcada pola participación e o disfrute.

Entre os protagonistas do evento están Xisco Feijoo, AldaoLado, Antón Reixa, Xurxo Souto, Olga Novo, Xosé Luis Axeitos, Henrique Rabuñal e Moncha Fuentes, entre outros.

A xornada comezou pola mañá cunha das varias visitas guiadas que se desenvolveron. Visitas guiadas pola Horta de Rosalía ou a Casa para crianzas, recitais e presentacións de libros foron algunhas das posibilidades.

Para as máis pequenas haberá un espazo de brinquedos tradicionais, un obradoiro de brinquedos sonoros e un concerto de Cé Orquestra Pantasma.

Durante todo o día na Casa de Rosalía haberá feira de produtos rosalianos, un espazo de brinquedos tradicionais, e un pianista residente ao Piano de Rosalía. Esta edición do ‘Abride a Fiestra’ rematará coa observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío, para a que se recomenda levar primáticos.

Comentarios