Contracultura

Carmen Villar: "O título do poemario fai referencia aos 1.001 días nos que publiquei fotopoemas nas redes"

Carmen Villar, xornalista e fotógrafa, publica un novo poemario, 'Os mil e un días' (Xerais), onde combina as súas imaxes e letras nunha sorte de diálogo que percorre as súas vivencias e memoria.
Carmen Villar escribe teatro, contos e poesía (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carmen Villar escribe teatro, contos e poesía. (Foto: Nós Diario).

—Como comezou a recoller estes fotopoemas?
O libro é unha escolma de traballos arredor de palabras e imaxes en continua interrelación. Isto foi un proxecto que naceu para o mundo virtual nunha conta de X, o que antes se chamaba Twitter, e que agora tamén ten unha conta espello en Instagram. Con el pretendía amosar que as redes non só serven para crear tensións, senón que tamén poden servir para crear beleza. Enfoqueino case como un diario, a tema por día, e despois de tres anos o profesor Beni Fernández Salgado animoume a relelo todo e a volver enfocalo para darlle a forma dun potencial libro.

De aí tamén o título da obra, porque foron mil e un días publicando fotopoemas nas redes. Tamén fai un pouco referencia á obra As mil e unha noites, porque o poemario está dedicado aos meus avós e eles eran como a miña Sherezade. Ben é certo que as súas vidas non corrían ningún risco, mais tamén o é que eu era insaciábel e moi insistente no que respecta aos seus contos.

—Despois de tres anos, como decidiu que fotopoemas ían formar parte do libro?
Foi complexo, é un pouco como a pregunta que se lle fai aos pais de a cal dos seus fillos queren máis. Eu fixen unha primeira escolma, escollín o gordo digamos, e despois tiven a axuda inestimábel de Beni, que foi o encargado de facer un labor máis fino e facer a escolma en detalle de maneira que fose un conxunto abordábel para unha editorial. Alguén tiña que facelo claro e eu decidín confiarlle ese papel e asesoría a el.

Ao final, todas as frases que escribo son parte de min dalgunha maneira, polo que velas desde fóra permite ter outra perspectiva. Para min trátase de confiar, igual que confías no traballo da editorial, que foi estupendo e marabilloso.

O libro xorde diso: confianza recíproca, así como dunha aposta miña durante moitos anos por estes fotopoemas. A combinación de palabra e imaxe foi un acordo ao que cheguei comigo mesma despois de anos de estar dividida entre as dúas fontes, porque me criei cos libros e co debuxo sen ser quen de escoller que me gustaba máis.

—Como é o seu proceso creativo neste sentido?
Responde un pouco ao dilema de que foi antes, o ovo ou a galiña, pensamento ou linguaxe. Ás veces é a realidade a que me di ‘mira’ e a partir de aí vou pensando e escribindo. Outras, teño un ruxerruxe na cabeza dalgunha frase que preciso reflectir nun espello, de maneira que comezo a buscar unha imaxe ou a compoño eu mesma até que estea á altura das palabras. Os procesos creativos son un pouco etéreos porque cando estás metida neles saen de maneira intuitiva, non o racionalizas, polo que verbalizalos é complexo. Claro, podes intentar explicalos, mais ao concretalos en palabras é como se lle rebaixaras a carga de maxia que poden ter. A min gústame que palabra e imaxe sexan interdependentes, que non quere dicir que teñan que ir sempre da man porque eu tamén fago moitos poemas que non van acompañados de fotografías.

Con todo, para este proxecto en concreto atopei esta maneira, que me parecía a máis axeitada para falar da memoria e do tempo. Hoxe en día somos moi partidarios da hiperespecialización, de facer compartimentos estancos das cousas, que baixo o meu punto de vista son moi limitantes.

Todas as linguaxes conflúen na intención de comunicar, polo que moitas veces ese diálogo ou discusión entre diferentes elementos multiplica o seu efecto. Tamén é certo que a miña poesía adoita ser moi directa, non precisa de moita mediación para chegar ás persoas; non porque non me gusten as poesías complexas, porque desfruto moito delas, mais sempre penso que me gustaría que os meus avós puidesen ler a poesía e entendela. Claro, cada persoa entende as cousas dunha maneira diferente, mais si que me gusta facer cousas que eles poidan ler sen problemas. E máis neste caso no que o libro está dedicado a eles.

Comentarios