CONTRACULTURA

Carlos Meixide: "Atopei correspondencias directas entre o tempo da Comuna de París e a Galiza da Burla Negra"

Carlos Meixide, xornalista e escritor, aborda os antecedentes, a experiencia da revolución e as vivencias posteriores da Comuna de París en 'Viva a Comuna!' (Xerais), a súa última novela.
O xornalista arousán Carlos Meixide.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera O xornalista arousán Carlos Meixide. (Foto: Nós Diario)

—De onde lle vén este interese pola Comuna de París?
Hai xa bastantes anos lin París, capital da modernidade, un libro de David Harvey, xeógrafo marxista, que facía nel unha especie de análise contando a transformación que experimentara a cidade en todos os aspectos: económico, social, político, etc. É dicir, como a cidade se transformara nunha capital do mundo a custa de asumir unha especie de capitalismo financeiro e especulativo moi agresivo que acabou por xerar unha enorme desigualdade, modificando a estampa da cidade e que dalgunha maneira explica que se dera unha revolución destas características.

Pouco a pouco fun mergullándome no tema e documentándome con outras obras. Creo que, en boa medida, tamén me foi atrapando porque eu atopaba moitas correspondencias entre aquel tempo histórico e o que se estaba a vivir naquel momento: era a Galiza de comezos do século XXI co final do fraguismo, o Prestige e o Nunca Máis. En realidade, no mundo enteiro estaba habendo unha crise do capitalismo e unha emerxencia de movementos sociais novidosos. Había unha crise da lexitimidade do esquema tradicional. 

Ademais, eu estaba vivindo todo isto dunha maneira moi activa, politicamente falando, porque estaba na Burla Negra. Como digo, salvando as distancias, para min había unhas correspondencias moi directas e comezou a interesarme moito a idea de escribir sobre a Comuna de París na medida na que novelar aquilo tamén me serviu para novelar un proceso no que eu me estaba vendo envolto. 

Claro, logo é certo que foi un proceso que foi moi de vagar, no que non me apurei e simplemente quixen dedicarme a ler e a ir armando na miña cabeza o que sería a estrutura na novela, mais non comecei até que non vin que tiña o que precisaba e que dispuña de tempo, que máis ou menos cadrou co confinamento. 

—Tendo a ambición de intentar contar o momento de maneira íntegra, como viviu ese longo proceso de documentación?
Precisamente por esa calma, mais tamén porque a Comuna de París está moi documentada, foi algo moi pracenteiro. Ao final, os feitos producíronse nun momento no que a cidade era a capital de Europa e xa había maneiras de documentalo todo a través de xornais ou fotografías. Ademais, hoxe en día é un material que é moi accesíbel porque hai moito dixitalizado, incluídas memorias de persoas que participaron tanto nun bando como noutro, polo que transmiten directamente o ambiente que se respiraba entón, os lugares que se frecuentaban, o tipo de vida que se facía...

A Comuna de París non deixa de ser unha revolución levada a cabo polas clases populares, xente que facía a súa vida na rúa e que coincidía nas tabernas, nas redaccións dos xornais, nos teatros e incluso nos clubs políticos. Por iso estes son os lugares onde sucede tamén a novela, porque eu quería trasladar esa sensación tan vívida que eu sentía lendo as memorias. 

—Falaba das correspondencias coa Galiza de comezos de século, cre que se pode trasladar tamén á actual?
Sempre se di que hai que aprender do pasado para entender mellor o presente, mais tamén penso que estudar o presente permítenos entender moito mellor a historia. Para min era sorprendente ver ese sistema capitalista que favorecía os intereses do urbano e do industrial e botaba a xente dos barrios, que era algo palpábel nos tempos da Comuna, mais tamén coa crise financeira de comezos do s. XXI.

Ao contar a revolución cos seus precedentes, mais tamén co tempo da derrota se está a transmitir un coñecemento histórico buscando simpatía, a identificación da persoa que está lendo, algo que pode acontecer actualmente sen dúbida. Con todo, hoxe en día case vexo máis correspondencias con outros tempos históricos, por exemplo, vinte anos despois da Comuna, cando menos en Francia, porque dalgunha maneira tamén dá a sensación de estar ante eventos cíclicos.

Comentarios