luns 08/03/21
Decorrerá os días 11 e 12 de marzo no Teatro Colón

'Cara a unha escena plural' avalía o estado da danza e das artes vivas no contexto de crise

O programa “A cultura é un dereito”, promovido pola Deputación da Coruña, pon en marcha as xornadas de debate “Cara a unha escena plural”, que se desenvolveran os días 11 e 12 de marzo no Teatro Colón da cidade da Coruña.
3K3W1456
Xurxo Couto, Caterina Varela e Sabela Mendoza. (Foto: Nós Diario)

"Cara a unha escena plural", que decorrerá os días 11 e 12 de marzo no Teatro Colón da Coruña, ten por obxectivo achegarse á danza e ás artes vivas a través da análise do estado actual e do futuro da creación escénica, así como da programación e mais da difusión deste tipo de eventos desde voces diversas implicadas no proceso artístico. 

Comisariadas por Caterina Varela e Sabela Mendoza, as xornadas avaliarán o desfase da creación artística da danza e das artes vivas coa súa distribución en distintos espazos escénicos, unha cuestión que provoca que non se acade "o recoñecemento social das súas achegas, perdendo así a oportunidade dun diálogo social que hoxe semella pertinente, como é aquel que se produce no encontro dos corpos en movemento", comentaron durante a presentación realizada esta terza feira.

O programa diríxese, segundo as comisarias, a "toda a comunidade da danza ou  das artes vivas, persoas mediadoras, programadoras, traballadoras culturais das artes escénicas, responsábeis da administración e interesadas no espectáculo ou xornalistas". 

Como en todas as disciplinas da cultura ao vivo, desde a organización explicouse que  tamén a o sector da danza se viu afectado por mor da situación sanitaria derivada da pandemia da Covid-19.

Neste sentido, Caterina Varela e Sabela Mendoza entenden que "é especialmente interesante o debate neste momento xa que que a danza apela aos corpos e é moi procedente porque é fundamental para a vida, para o debate social, para repensar a mobilidade, a internacionalización e a sustentabilidade", recalcaron na presentación das xornadas. 

O programa

O evento abrirase cun encontro sobre a programación de espectáculos de danza coa creadora e directora de Pisando Ovos, Rut Balbís, o xestor de Galiza Danza Contemporánea, Manu Lago; o coreógrafo, Javier Martín; o director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez; e a por parte de Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais), María Paredes.

A segunda mesa redonda estará protagonizada polas persoas responsábeis do Auditorio García Márquez de Oleiros, Diego García; do Teatro Municipal de Tui, Miguel Alfaya; do Auditorio de Outes, Santiago Nieto; do Auditorio de Cariño, Jonathan Miranda; do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón; e do Hernán Naval de Ribadeo, Pilar Otero.

A crítica e os medios de comunicación serán protagonistas dun encontro no que participarán a directora de Vinte, María Yáñez; o director da Revista Galega de Teatro, Afonso Becerra, o cofundador de Teatron, Rubén Ramos e a xornalista Luísa Castiñeira.

A renovación das relacións en termos de sustentabilidade, mobilidade e territorio e a innovación xurídica serán outros temas que centrarán as xornadas. Fátima Anllo, directora do Observatorio de Creación e Cultura Independente, trasladará unha análise dos datos e a evolución das compañías independentes de danza nos últimos anos.

Ademais, artistas da danza abordarán o a participación nos procesos de creación con Julia Laport, Sabela Domínguez, Fran Martínez e Xián Martínez, xa no segundo día de programa que rematará cun coloquio aberto sobre os códigos deontolóxicos e as boas prácticas das artes vivas.

comentarios