Cultura

Cando as persoas se converten no museo

aMar a Mar sae do edificio museístico para reivindicar as mulleres
Presentación de 'Mariñas, Marosas e Maruxainass'
photo_camera Presentación de 'Mariñas, Marosas e Maruxainass'

A terza feira 3 de marzo, o centro do mar trasladouse a San Cibrao (Cervo). Aconteceu alí, no Museo do Mar, a presentación de "Mariñas, Marosas e Maruxainas", unha actividade que recupera o patrimonio inmaterial das mulleres a través das súas cantigas, na que Xurxo Souto vai impartir nove obradoiros. Baixo a epígrafe aMar a Mar, a Rede Museística da Deputación de Lugo aglutina unha  proposta descentralizada de accións que pretenden visibilizar o papel das mulleres da Mariña.

Así, na terra do minifundio, aMar a Mar serve de paraugas lexitimador para unha serie de propostas construídas desde a base, froito do traballo de moitas persoas que se artellan en relación a tres eixos: territorio, patrimonio e comunidade. O proxecto, que xurdiu ao abeiro da celebración do 50 aniversario do Museo do Mar o ano pasado, é un punto de partida que, en última instancia, cuestiona e explora a dimensión máis social da propia institución. "Nós non xestionamos efemérides, facemos activismo os 365 días do ano", afirma Encarna Otero, xerente dunha Rede que se converteu en exemplo de boas prácticas para as profesionais da Xestión Cultural.

O proxecto que ten múltiples patas que se enlazan nunha proposta colaborativa, que procura crear puntos de encontro e procesos, artellando sempre cunha vontade clara de saír do museo, nun tempo no que a comunidade é a gran conservadora do patrimonio. "O do museo é un discurso patriarcal que deixa fóra todo o que non entra no relato do poder", afirma Otero.

Por iso son elas, as mulleres do mar, historicamente invisíbeis,  son agora as protagonistas. Para alén do labor de recompilación de "Mariñas, Marosas e Maruxainas", Ignacio Castro 'Nachok' realizará con "Derivas" un obradoiro de fotografía polos concellos da Mariña que teñen costa, cuxos traballos resultantes se mostrarán nunha exposición itinerante polos núcleos da zona que non lindan co mar. Así mesmo, Uxía Pedreira e o Coro da Mariña participan tamén do conxunto con actuacións.

Por outra banda, "Somos migrantes" ten como peza central unha exposición itinerante que colabora coas asociacións de inmigrantes e retornados rioplatenses en Lugo. A Rede Museística ofrece a mostra aos centros escolares e concellos da Mariña, comezando por Barreiros, nas que o profesorado ou o tecido asociativo asume o labor de mediar coas persoas receptoras, co obxectivo de motivar entre o alumnado e a veciñanza actitudes antixenófobas. A isto, aparecen ademais asociadas obradoiros ou conferencias que xa se están a levar a cabo, conseguindo, como conta Otero, cousas tan incríbeis como que por "primeira vez que se sintan orgullosas de ser migrantes".

Levar o mar a Lugo

En boa medida como resultado, está xa programada entre 8 de maio e 30 de xuño no Museo de Lugo unha exposición que aglutinará boa parte dos procesos que arredor de aMar a Mar se xeraron. Unha parte ofrecerá unha reprodución da antiga escola existente no que hoxe é o Museo do Mar, un claro exemplo de invisibilización da actividade feminina. Pois se ben o edificio pertencía á mestra Manola Gómez, a súa actividade e a das súas alumnas ficou no máis profundo esquecemento.

Sumando distintos elementos, que mesmo inclúen vídeos inmersivos, a mostra aspira a achegar e divulgar o mar, especialmente o das mulleres, na propia cidade, baixo unha concepción dos "museos como testemuñas humanas, que deben estar ao servizo das persoas". Sobre todo nun momento no que "todo se valora desde o macro, e o noso é micro, pero pódense facer cousas grandes apostando na comunidade e o territorio".
 

Comentarios