CONTRACULTURA

Branca Trigo: "A poesía aseméllase á forma de expresión das redes sociais, chegando a máis públicos"

Branca Trigo, poeta e música, reflexiona sobre a situación actual da poesía como unha das convidadas en representación da editorial Malafera á mesa redonda que organizou en Compostela o Festival Luz Poética.
Branca Trigo analiza a situación actual da poesía desde a perspectiva editorial. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera Branca Trigo analiza a situación actual da poesía desde a perspectiva editorial. (Foto: Distrito Xermar)

—Agora que Malafera conta con máis dun ano de vida, como ve a poesía desde a perspectiva editorial?
No noso caso creo que é un pouco diferente porque ao final a edición poética non é unha grande industria. É un lugar bastante amábel para desenvolverse, porque non é como se intentas editar narrativa e chegar á altura de Xerais. Neste tempo fomos facendo un círculo de xente á que lle gusta o que facemos, tanto á hora de publicar como á hora de mercar libros, e tamén desenvolvemos unha relación bastante boa con outras editoriais independentes. Alén dos libros, nós quixemos introducirnos no mundo do fanzine, polo que tamén desfrutamos de ter boas relacións con outras iniciativas de banda deseñada ou ilustración. 

—Cal cre que son as dificultades que debe enfrontar a poesía galega actual?
Sempre están os prexuízos, como con calquera xénero supoño. Mais é común escoitar que a poesía é unha arte elevada, algo que forma parte da academia, e no caso do noso país en concreto, que as poetas galegas sempre escriben sobre o rural e cousas así. Intentamos loitas contra este tipo de pensamento e por iso tamén intentamos abrir a poesía que editamos cara a outros xéneros ou formatos. Nesta liña, por exemplo, fixemos poesía de terror e de ciencia ficción. 

Creo que é unha boa maneira de loitar contra os prexuízos. Non obstante, tamén creo que a poesía agora mesmo pode ter moito tirón. Estamos acostumadas ás redes sociais, á brevidade da mensaxe, e isto é algo que a poesía xa ten gañado fronte a outros xéneros, polo que pode ser unha forma de chegar a máis públicos. Por exemplo, a poesía aseméllase máis á forma de expresarnos que temos nas redes sociais que unha novela. 

—Ademais, moitos proxectos actuais nacen precisamente nas redes.
Claro. De feito, hai xente que fai memes que case son poemas e viceversa, poemas que chegan a ser memes. Ocórreseme tamén o caso de Carmen Villar, que vén de publicar Os mil e un días (Xerais) cos poemas que publicaba en Twitter. Eu mesma tamén publico algunhas cousas en redes, o que pasa é que son unha persoa moi cuadriculada para isto, de maneira que o que escribo para redes queda aí, o que xorde coa intención de ir nun libro queda no libro e o que escribo para os recitais queda neles. 

As redes sociais tamén teñen outros puntos fortes que a nós, por exemplo, nos dan moitas facilidades. Ao ser unha editorial tan pequena non podemos permitirnos ter unha distribuidora, mais si podemos movernos polas redes, vender por aí os nosos produtos... É onde intentamos ter o noso mercado, por dicilo dalgunha maneira, e polo momento funciona ben. 

—Cre entón que existe un maior interese arredor da poesía que hai uns anos?
Diría que si, tanto na poesía como no fanzine. Este verán estivemos no Autoban, un festival de fanzine, e o ano pasado creo que tiveran arredor de 70 propostas de postos. Este ano superaron as 100 e ao final tiveron que deixar a algunha xente fóra, porque só cos que xa estabamos case non cabiamos. Creo que cada vez hai máis xente que se interesa pola escritura tamén, xa non só de cara a publicar, senón para si ou tamén, de novo, coa intención de compartir polas redes.

Eu levo un obradoiro de escrita en A Morada (Vigo) e hai moita xente que vén e se anota, mais que ten claro que non quere publicar. Baixo o meu punto de vista vén moito da pandemia, porque durante ese tempo de estar na casa houbo moita xente que comezou proxectos creativos e despois moitas persoas tamén quedaron con ganas de facer cousas. E por iso creo que as iniciativas de colaboración funcionan tan ben agora. 

Nós abrimos convocatoria para que a xente nos enviara os seus fanzines xa en 2021, que foi mais ou menos cando comezamos, e notamos moito esta pausa que nos permitiu a todas avaliar a nosa vida ou atoparnos noutros lugares que non estivéramos.

Comentarios