Alexandre Péres Vigo, profesor da Universidade da Coruña

Alexandre Peres Vigo: "Galiza foi un reino poderoso recoñecido en toda a Europa"

O vindeiro 1 de setembro arranca en Nós Diario un coleccionábel sobre os reis e as raíñas galegas onde se repasan os 1.000 anos de historia do Reino da Galiza como realidade política diferenciada no espazo europeo. A publicación está coordinada polo profesor da Universidade da Coruña (UDC), Alexandre Peres Vigo, quen nesta conversa achega algunhas das chaves da publicación e aproxima parte dos contidos.
Alexandre Péres Vigo coordina o 
coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu'. (Foto: Arxina)
photo_camera Alexandre Peres Vigo coordina o coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu'. (Foto: Arxina)

—Cales son as razóns que explican agora o coleccionábel que promove Sermos Galiza S.A. 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino'?

Penso que sempre é importante divulgar a nosa cultura e a nosa historia, necesitámolas para entendernos. Oxalá non fixesen falta este tipo de iniciativas porque significaría que a cidadanía dispón desa información, pero infelizmente vemos que non. Canta xente sabe que Galiza foi un reino e que tivo raíñas e reis propios? A min, por exemplo, ninguén mo explicou na escola e hoxe non vexo que iso mellorara moito.

Teño a sensación de que se busca perpetuar esa falsa idea da Galiza como unha rexión pobre e illada, cando en realidade foi un orgulloso e poderoso reino recoñecido en toda Europa. O propio Luis de Góngora chegou a dicir no século XVII que Galiza nunca fora fértil en poetas, a nós, que fomos berce dunha literatura única na Idade Media. O problema desa ocultación e desprezo por Galiza, para min galaicofobia a fin de contas, é que alimenta un sentimento de autoodio que nos destrúe colectivamente e nos limita.

Como puido ser o galego a lingua de prestixio na península Ibérica se supostamente Galiza non era máis ca unha rexión afastada? É que non é críbel. Pensemos, por exemplo, na impresionante catedral románica de Santiago de Compostela que foi consagrada por un rei galego, Afonso VIII: que cada un saque as súas conclusións.

Creo que aí reside precisamente a importancia de proxectos como este e a importancia de que a área de Cultura da Deputación da Coruña aposte por eles.

—Unhas das cuestións que chaman atención é que despois de tanto tempo e con tantos datos que confirman a súa existencia o Reino da Galiza continúe a ser unha realidade molesta para diversos sectores políticos ou académicos. Como interpreta isto?

Molesta porque contradí a historia tal e como nola ensinaron. Sen ir máis lonxe, pensemos nos milleiros de galegos e galegas que durante décadas medraron con aquela lista interminábel dos reis godos de España sen saber que a Galiza tiña daquela os seus reis propios, que eran outros, claro. Por que llelo ocultaron? A historia do Reino da Galiza molesta, e moito, porque deixa en evidencia as mentiras e as medias verdades nas que se basea a historia de España. É curioso que na Galiza apenas teñamos estatuas dedicadas a raíñas ou reis galegos; parece que estes referencias se queren evitar.

Ás autoridades educativas non lles interesou explicar que a Galiza foi unha vez un reino que ía desde Coimbra até León, e que tiña en Lugo e Braga as súas principais cidades. No seu lugar, fálasenos dos reinos de Asturias e de León. Ben, pois o sorprendente é que nin Asturias nin León se mencionan como reinos en ningunha crónica altomedieval. O nome con que se coñecía a ese reino do noroeste non era outro que Gallicia ou Gallaecia. E ademais é o normal, porque o territorio xa levaba séculos chamándose así, desde a época romana. O problema é que todo isto desmonta o mito da España eterna. Non se quere asumir que o Reino de España é unha creación do século XIX. Aínda así teño que dicir son optimista. Cada ano hai máis publicacións, investigacións e descubertas sobre o reino. E é que cando algo é tan evidente é imposíbel que non saia á luz.

—Ademais de coordinar o proxecto 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu”', é o autor de varios dos fascículos deste coleccionábel que publicará Nós Diario a partir de 1 de setembro. Que destacaría do que popularmente coñecemos como reino suevo da Galiza?

Creo que o público lector deste coleccionábel atopará especialmente atractivo o tempo da monarquía sueva por moitas razóns. Nese momento, a Galiza ocupaba todo o noroeste da península e os suevos, que viñan de centroeuropa, lograron facer da Gallaecia un reino e fixérono fronte a moitísimas adversidades. Ademais, foron pioneiros en moitos aspectos, abrazaron o catolicismo antes que ningún outro pobo xermánico e con eles a Gallaecia comezou a ter unha moeda propia, nacional. Estou convencido de que sen a monarquía sueva non pode entenderse Galiza.

—Se tivese que escoller un monarca deses primeiros 200 anos do Reino da Galiza, con cal quedaría e por que?

Se tivese que escoller un, sen dúbida sería Teodomiro. É verdade que non sabemos tanto del pero demostrou ser rei dunha Galiza unida. Teodomiro era un rei de orixe sueva, si, pero era ante todo un rei nado na Galiza e sen dúbida falaba unha lingua romance que pouco a pouco se estaba a converter no galego.

Ademais, demostrou visión de Estado. Organizou internamente o reino e convocou o primeiro concilio do reino, que di moito sobre el. Despois, a nivel internacional, foi consciente da ameaza que supuñan os visigodos e trazou alianzas cos bizantinos e cos francos. Tamén soubo promover a Martiño de Dume, que era todo un erudito, e confioulle a educación do seu fillo. Para min representa o esplendor da monarquía sueva.

—Unha das cuestións que estuda no seu traballo é a inserción da Galiza na monarquía visigoda, como foi e que papel xogou o país na mesmo?

Os visigodos de Hispania declararon a guerra á Gallaecia no ano 585 e sabemos que Leovixildo, que era entón o rei visigodo, destronou o noso rei Andeca. Parece que os visigodos se fixeron co control da Gallaecia, pero o que pasou despois xa non está tan claro. Desde logo, a monarquía visigoda tardou en controlar o territorio. Do que non hai dúbida é de que os reis visigodos eran totalmente conscientes de que a Gallaecia era un país distinto do seu. Só hai que ler as leis visigodas e como estas se facían para ser aplicadas en Hispania, no sur da Galia e na Gallaecia. Fáltanos información pero está claro que a influencia visigoda aquí foi moi limitada. Galiza xa tiña unha personalidade propia moi marcada. O mito daquela España visigoda unificada xa non se sostén a día de hoxe.

— A chegada dos árabes á península no século VIII é presentado como un punto e á parte na historia, mais que impacto tivo realmente na Galiza?

Ninguén pode negar que a aparición do Islam cambiou a historia da humanidade para sempre, pero evidentemente, o Islam non tivo a mesma influencia en Exipto que en Escocia, por situar un exemplo. O mesmo pasou na península Ibérica. O reino visigodo caeu na órbita do Islam pola súa proximidade a África mentres que nós, aquí no norte, apenas sentimos esa presenza.

Claro que houbo influencias e moita relación con Al-Ándalus pero non houbo un proceso de islamización como se deu no centro e sur da península. Alí erguéronse mesquitas e floreceu a literatura e a lingua árabe; aquí o galego seguiu desenvolvéndose con total normalidade. Tamén hai unha cuestión que creo que é necesario repensar, porque moitas veces se entende en España a conquista do Califato como unha maldición. Por que non se di o mesmo da conquista romana ou a visigoda? No fondo penso que segue a haber moita islamofobia sobre este tema.

—Unha das cuestións que refire nos seus traballos é a dimensión internacional da Galiza, como era o visto o país polas monarquías europeas do momento?

Cando un se achega aos documentos da época atopa unha idea da Galiza moi diferente á que nos transmiten a maioría de libros de historia escritos en España. A Galiza estaba moi próxima a outras monarquías como a franca. Só hai que pensar nas alianzas entre reis como Miro ou Afonso II cos reis francos, entre eles Carlomagno. Ademais destas, Galiza tamén se mantivo aberta ás comunicacións co sur, tanto co Imperio bizantino, como con Al-Ándalus, e xa non digamos co Papado de Roma.

Comentarios