Caderno de Verán

Belén Bermejo: "O ciclo ten un público local bastante fiel"

É a directora do ciclo 'De lugares e órganos', que nestes días lle pon música barroca a Compostela e adentra o visitante no mundo organístico máis alá do seu matiz litúrxico ou clásico e combínao con outros instrumentos e disciplinas artísticas.
belenbermejo
photo_camera Belén Bermejo.

—Como é esta quinta edición de ‘De lugares e órganos’?
Dentro desta nova normalidade, os aforos, que xa sempre son espazos pequenos, agora son máis limitados, o que non lle quita engado ao asunto porque fai os concertos máis íntimos. As medidas de seguridade, as distancias e os protocolos sanitarios dificultan o traballo desde o punto de vista organizativo pero desde o punto de vista musical está a resultar moi ben. O interese foi moi grande a pesar de que en principio parece música tan minoritaria, moita xente quedou fóra do cupo… 

—Que supuxo adiar o festival, previsto para Semana Santa?
Deixamos todo como estaba porque estaba a piques de se presentar, a 2 semanas do comezo, e cando o concello de Santiago decidiu retomar decidimos seguir, na medida que se puidera, o programa orixinal. Pero a realidade imponse e un dos concertos previsto para o día 30, por dificultades para desprazarse desde certos países ata España, hai dúas protagonistas que non poderán vir, así que terá que ser un concerto solístico cando está previsto para un trío. A programación quedou igual pero agora temos outras dificultades desde o punto de vista da produción. 

—Que valoración faría, a pesar das dificultades, destas 5 edicións do ciclo?
Para ser unha música tradicionalmente vencellada á igrexa e a cuestións litúrxicas, e podendo considerarse algo minoritario dentro da música clásica que xa é minoritaria, tivo moi boa acollida. O tema dos órganos espertou moitísimo interese entre o público e agora, ao facer un ciclo específico, descubrimos que había un público local, un público bastante fiel… Unha das chaves está no feito de facer unha programación atractiva porque procuramos non só pensar no concepto máis convencional para órgano solista, tiramos doutras combinacións instrumentais, fusionar con outros estilos musicais e outras disciplinas artísticas. Para ver que o órgano non é só un instrumento litúrxico. 

—E xa comezaron os traballos da sexta edición?
Cando traballas nestas cousas sempre estás a traballar na seguinte. Agora a incerteza é maiúscula pero estou confiada de que o proxecto vaia adiante e de podelo facer cada vez en mellores condicións e menos dificultosas que as deste ano. 

Comentarios