Premio

Begoña García-Alén e Andrés Magán fanse co Castelao de Banda Deseñada

Adeus amigos e As aventuras de Passer P. Malta son os títulos das obras gañadoras, das que o xurado destacou a súa enorme calidade, escollidas entre 42 candidatas.
O xurado da XV edición dos Premios Castelao.
photo_camera O xurado da XV edición dos Premios Castelao.

Adeus amigos, de Begoña García-Alén e As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán Zamorano, fixéronse co XV Premio Castelao de Banda Deseñada nas modalidades xeral e infantil e xuvenil, respectivamente. Por vez primeira, as bases recollían a posibilidade de presentar o proxecto e non a obra rematada.

Ambas as dúas gañadoras naceron en 1989, estudaron Belas Artes na Universidade de Vigo e comezaron a publicar banda deseñada en 2014.

Fallo do xurado

O xurado composto pola editora de cómic de El Patito Editorial, Gemma Sesar; o responsábel de Komic Libraría, José 'Pío' Barreiro -primeira libraría especializada en banda deseñada da Galiza, fundada en 1987-; a debuxante e ilustradora Bea Lema -gañadora en 2017- e os galardoados o pasado ano, Martín Romero e Alberto Vázquez; co responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria, escolleron entre as 42 obras presentadas ao certame, catro veces máis que a convocatoria anterior. O premio consiste en 6.500 euros.

O fallo destacou de Adeus amigos a "aposta gráfica experimental vencellada á trama coa obra do artista Bas Jan Ader", cunha "mestura da historia gráfica dun artista coa historia dun neno dunha forma máxica".

D'As aventuras de Passer P. Malta loubaron que se trata dunha "historia divertida, surrealista e máxica", con "bo debuxo" e "protagonizada por animais antropomorfos que lembran os clásicos do cómic, pero actualizados a nivel narrativo e gráfico".

Comentarios