O Ateneo de Pontevedra rende homenaxe a Castelao nun encontro poético-musical

Uxía, Mondra ou Samuel Merino puxeron voz aos textos do autor
Uxía, Mondra e Malvela no encontro poético-musical do Ateneo. (Foto: Concello de Pontevedra)
Uxía, Mondra e Malvela no encontro poético-musical do Ateneo. (Foto: Concello de Pontevedra)

O Ateneo de Pontevedra homenaxeou esta cuarta feira Daniel Castelao, con motivo do 75 cabodano do seu falecemento no exilio, cun concerto e un encontro poético-musical. O presidente da asociación, Xaime Toxo, explicou a Nós Diario que esta celebración se enmarca dentro dun ciclo de tres actividades que o Ateneo organizou polo 'Ano Castelao' co obxectivo de "dar a coñecer unha figura con tanta relevancia no país".

O evento contou coas actuacións musicais de Malvela, Uxía, Mondra e a cantante brasileira Ceumar. Aliás, as poetas Silvia Penas e Samuel Merino recitaron texto do autor e poemas que se dedicaron a súa figura. Merino lembrou que, a pesar de que Castelao non escribiu poesía, nas súas obras teatrais e nos ensaios "somos quen de identificar unha sensibilidade poética".


O poeta afirmou que esta iniciativa foi "unha oportunidade inmensa para render homenaxe a un autor polifacético,  presente tanto na literatura como na política da nación galega". Aproveitou a ocasión para agradecer o convite do Ateneo: "É un orgullo poder compartir escenario con Mondra e con Uxía, ademais de coas miñas veciñas de Malvela", engadiu Merino.

Pola súa parte, Mondra explicou que este "é un encontro de celebración e xuntanza con persoas que levan moitos anos coidando do noso e da nosa cultura", en referencia a Uxía e ao Ateneo. Aliás, afirmou que este tipo de iniciativas serven para "reivindicar, que nunca é suficiente, unha figura propia da Galiza como é Castelao".


O artista, xunto con Uxía e Malvela, interpretou unha musicalización dun poema de Camilo Díaz dedicado ao escritor rianxeiro. Uxía foi a encargada de realizar a dirección artística do encontro, así como de facer a escolla do repertorio interpretado. Ela mesma explicou a Nós Diario que con esta selección pretendía levar á escena "algo diferente que implicase a música tradicional, da man de Malvela; a poesía recitada por Silvia Pena e Samuel Merino, que fixeron dous poemas orixinais en homenaxe Castelao, e xente moza como Mondra, que representa a evolución do espírito da nosa cultura".

Nesta liña, quixo sinalar a participación da cantante brasileira Ceumar, posto que evidencia "a visión da lingua que tiña Castelao e o seu pensamento sobre a lusofonía". Con este encontro a organización quixo mostrar  e homenaxear as raíces galegas que defendeu Castelao nun evento no que estivesen presentes os gustos culturais do autor, como a interpretación dunha das pezas do autor, Foliada de Negreira.  

Comentarios