Contracultura

Miguel Mosqueira (Ataque Escampe): "Temos a sensación de que agora hai máis persoas que veñen aos concertos que antes"

Miguel Mosqueira (Lalín, 1982) é un dos integrantes de Ataque Escampe, que estará presentando o seu último LP, 'Cabalgata', na súa "Xira dos Cabaliños" con concertos dentro e fóra da Galiza até a primavera.
Ataque Escampe compuxo unha canción conmemorativa. (Foto: David Silva).
photo_camera Cibrán Tenreiro, Miguel Mosqueira, Xoán L. García Carlín, Samuel Solleiro e Alex Charlón son Ataque Escampe. (Foto: David Silva).

—Como están vivindo o comezo dunha nova xira?
Nos concertos moita xente canta as letras das cancións novas e nas redes sociais tamén vimos que a xente compartía moito as súas opinións sobre o disco. Tamén temos bastantes escoitas nas plataformas dixitais, polo que en xeral podemos dicir que estamos contentos. Ademais sorprendeunos que ninguén falara mal do disco. Entendemos que os temas de Cabalgata teñen un estilo diferente ao que viñamos facendo e que iso podería ter xerado algunha postura en contra, sobre todo por parte de persoas que nos escoitan desde hai máis tempo. Ao final estamos introducindo tamén os sintetizadores, de maneira que ampliamos a música que podemos facer. E de feito xa nos ten pasado con outros traballos, mais non con este. 

—Quizais había tamén moitas ganas de ter novos temas de Ataque Escampe.
Claro, porque o anterior, que ademais son só catro temas, é de 2019. Nós non seremos un grupo de masas, mais a xente que nos segue é moi fiel. Iso faise moi agradecido para nós como grupo porque imos tocar a un sitio e saben as letras mellor ca nós e viven o feito de vir aos nosos concertos como unha grande experiencia. Isto é o que nos gratifica á hora de tocar. O curioso, aínda que levamos bastantes anos tocando, é que nos dá a sensación de que agora é cando máis xente hai nos concertos e que ademais non son as mesmas persoas que nos escoitaban hai 16 ou 17 anos. Algunhas si, por suposto, mais a maioría son novas. Á parte de que nos gusta a música e probar cousas novas, o que nos fai seguir é iso, porque todo o que implica facer música ten as súas cargas, como o tempo de gravación ou de ensaio.

E a isto hai que sumarlle as nosas cargas persoais, ben familiares ou laborais, porque non nos dedicamos profesionalmente á música. É o noso segundo traballo. Hai que conciliar e vemos que ese esforzo se ve recompensado por todas estas cousas boas que recibimos. Queremos facer concertos divertidos, dinámicos, nos que poida pasar calquera cousa. Tocaremos cancións do último disco, mais tamén algunhas dos discos anteriores. Cada xira é diferente, coa experiencia tamén se van facendo mellores, e teño curiosidade por ver o que dan de si os concertos que temos por diante.  

—Alén das datas por diversos puntos da Galiza, tamén confirmaron a súa presenza no Festival EmigraSON de Bruxelas. Como viven estes concertos no estranxeiro?
As persoas da emigración galega son súper activistas no que respecta á promoción da nosa cultura, víveno con moita intensidade. Incluso máis que aquí. Nós comprobámolo as veces que fomos tocar a Barcelona, a Polonia ou demais. Iso convértese nunha experiencia case atávica do espectáculo polas ganas que teñen de sentir esa identidade galega, que eu creo que vén tamén por ese sentimento de saudade tan ligado ás galegas e galegos. Para os grupos é unha experiencia catártica e súper enriquecedora. De feito, algunhas das datas que nos faltan por confirmar e anunciar son precisamente fóra da Galiza. 

É unha maneira de facer comunidade con outras persoas galegas que están aí, esa procedencia convértese no nexo de unión e para reafirmar os lazos con esas persoas, dalgunha maneira como que se intensifica o sentimento de pertenza a esa comunidade galega. 

—Atopar un espazo no que falar a túa lingua propia tamén inflúe moito. 
De feito, hai moitas persoas que aquí na Galiza non falaban galego, mais que ao chegar a outro país e verse nese ambiente acaban por falalo. Parece que teñen que marchar a Bruxelas para falar galego. E tamén é certo que a estes concertos non vén só xente galega, de maneira que a nosa cultura acaba por chegar a puntos onde non chegara, internacionalmente falando. Visto desde aquí tamén é algo que proxecta e honra a propia lingua. As entradas para o EmigraSON vendéronse en 15 minutos.

Comentarios