A astronomía en galego, a serie ‘Pringadas’ e a arquitectura de 'Uña+Amandi', protagonistas do 'Sermos Galiza'

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 21 de decembro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.

collage-sermos
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado, 21 de decembro.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do Sermos Galiza. Este 21 de decembro o semanario achéganos á astronomía, tamén en galego, da man de Martín Pawley.

En novembro de 2020 a Real Academia Galega aprobou a listaxe normalizada de nomes para as constelacións, un traballo froito da colaboración entre o seu Seminario de Terminoloxía e varios membros da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Foi o primeiro de moitos desafíos pendentes verbo do uso da lingua galega no ámbito da astronomía, entre eles a investigación de denominacións de noso para os obxectos celestes, así como dos costumes e tradicións asociados co patrimonio cultural e ambiental da noite.

“A fixación dos nomes das constelacións tivo un antecedente nun labor anterior, a revisión dos termos astronómicos do dicionario da Academia que desenvolvemos en 2016 Salva Bará, daquela profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, e o autor deste artigo”, explica Pawley.

Alba Álvarez Freixanes entrevista Beatriz Villar e Belén Puime, responsábeis da serie Pringadas. O pasado 27 de novembro chegaba á súa fin a segunda tempada da serie Pringadas, escrita e dirixida por Belén e con Beatriz como directora de produción. A serie, dispoñíbel na plataforma AGalega, retrata a vida de tres compañeiras de piso que deben enfrontar problemas vencellados coas mulleres universitarias; desde o espertar sexual até as infeccións de transmisión sexual (ITS). En conversa con Sermos Galiza, as cineastas reflexionan sobre a renovación do proxecto, o papel da muller no audiovisual e as pringadas.

“A serie íase chamar Rapazas en honra a que todas as series que eu vía tiñan a palabra girls no título, así que quería galeguizalo; mais non soaba ben. Entón pensei en que moitas veces ao longo da túa vida chámante pringada, unha palabra que non acostuma molar nada, así que decidimos darlle a volta. De aí xurdiu unha parte filosófica de “acaso non somos todas pringadas?” e transformouse na palabra máis acertada para definir a etapa universitaria”, afirma Belén.

Buscar a luz

“Física e animicamente, o sol é fundamental para a vida. Unha reforma ou rehabilitación dun espazo é unha oportunidade de gañar luz, e polo tanto, saúde. O estudio de arquitectura Uña+Amandi está especializado en intervir sobre edificios existentes e sacar todo o seu potencial. Destacan nas actuacións interiores enfocadas a gañar a maior luminosidade posíbel, e polo tanto, gañar saúde”. Así principia a reportaxe de Iago Valverde neste número do Sermos Galiza.

Unha das principais diferencias entre a arquitectura antiga e a actual é a luz natural. Até o século pasado, os muros cos que se facían as casas da maioría da xente eran de pedra. Debido ao peso do material, abrir un oco nun muro non era sinxelo. Por mor desta dificultade, a arquitectura tradicional (excepto os grandes monumentos) acostuma contar con poucos ocos, estreitos e pequenos. A finais do século XIX todo isto muda. Popularízase o uso do formigón de tal xeito que, desde mediados do século XX, o normal é construír con estruturas de piares e placas deste material.

Libros, música e cinema

Tensi Xesteira non falta á súa cita cos libros. A súa escolla semanal achéganos As despedidas (Xerais), de Celia F. Santomé. " A morte do avó desencadea a novela, que se tece como un gran novelo, un monólogo da protagonista consigo mesma e cara a nós”.

Anxo González recoméndanos Johán Vicente Viqueira. João Vicente Biqueira (1924-2024). Poemas e ensaios (Através). “Gil Hernández analiza os textos de Viqueira sobre a nación galega, o ensino e o idioma. Tamén o Viqueira psicólogo e filósofo, a súa relación coa Institución Libre de Enseñanza e o krausismo. Mesmo compara o seu pensamento con coetáneos como Leonardo J. Coimbra, Henri Bergson, Gabriel Marcel e Fernando Pessoa”.

Xurxo Souto achéganos ao regueifeiro total, Pinto d'Herbón. “Talento improvisador. Teno dito moitas veces: Xa era regueifeiro antes de saber o que a regueifa era. Neses primeiros tempos, foi armando aos poucos himnos para a súa veciñanza.”.

Andrés Castro analiza La Parra. “O polifacético Alberto Gracia continúa na vangarda afastándose o xusto, e necesario, do cinema experimental dos seus anteriores traballos, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Premio Fipresci en Rotterdam) e A estrela errante (Mellor Filme no Festival Europeo de Sevilla na sección ‘Novas Ondas’), para crear unha historia de espellos e espellismos algo máis próxima ao público convencional, mais sen abrazar tampouco o Novo Cinema Galego”.

E para rematar...

Carlos L. Bernárdez trata a obra gráfica de Xan Leira e O feche corre da man de Xerardo R. Roca e Xoán Costa con varias propostas de pasatempos.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 21 de decembro, acompañando o xornal Nós Diario.

Comentarios