Asociacións culturais solicitan que os murais de Urbano Lugrís se declaren BIC

A Dirección Xeral de Patrimonio ten seis meses para tomar unha decisión.
Labores de restauración dos murais. (Foto: Afundación)
photo_camera Labores de restauración dos murais. (Foto: Afundación)

A asociación cultural O Mural, co apoio do colectivo In Nave Civitas, anunciou esta cuarta feira o rexistro da súa solicitude para lograr a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dos murais que o pintor coruñés Urbano Lugrís realizou no baixo e no entresollado dun inmóbel da rúa Olmos da Coruña.

Esta petición, indicou a organización, realizouse co obxectivo de adoptar as "medidas precisas" para conservar os frescos e garantir o acceso do público ás obras muralísticas.

Ademais, desde a asociación cultural O Mural criticaron que o Concello da Coruña aínda non dese resposta á solicitude enviada en xuño de 2021 para realizar unha inspección que comprobe o estado dos frescos pintados por Lugrís e que, en caso necesario, adopte medidas para a súa conservación.

"O Goberno local ten competencia nesta materia tal e como estabelece o artigo 11 da súa propia Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmóbeis", advertiron desde a asociación cultural.

Seis meses para decidir

Neste contexto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deberá decidir, nun prazo de seis meses, se outorga, ou non, a protección de Ben de Interese Cultural aos murais, que se encontran nun edificio en mal estado polo que, indicaron desde a asociación, a pintura podería verse afectada debido á humidade ou á baixa calidade dos materiais empregados polo pintor, entre outras cuestións.

Descoñécese o estado de conservación dos frescos que representan a vista da cidade e de fondos mariños. Por este motivo, O Mural leva tempo exixindo unha inspección destes así como a súa protección, lembrando que o pasado mes de novembro varios cascotes caeron á rúa.

Comentarios