Patrimonio en risco

A asociación Larada merca os terreos do castelo de Portomeiro (Val do Dubra) para protexelo

O xacemento do Val do Dubra agocha un enigma arqueolóxico que está sendo investigado desde a Universidade de Santiago de Compostela, mais o actual Goberno municipal desentendeuse do proceso de compra dos terreos que iniciara a anterior executiva.
Muralla do castelo de Portomeiro
photo_camera Muralla do castelo de Portomeiro

O castelo de Portomeiro, no Val do Dubra, é un dos múltiples exemplos de patrimonio de incalculábel valor diseminados pola Galiza, agochados en montes e fincas de persoas particulares que moitas veces descoñecen a relevancia desas pedras que levan alí desde tempos inmemoriais.

A Asociación Cultural Larada vén de mercar o terreo no que se atopa o xacemento co fin de protexer e difundir un ben inmaterial de tanta importancia. A decisión tomouse na asemblea por unanimidade, explica o secretario Rubén Calviño, ante o "descontento" pola actitude de total desinterese do actual Goberno do concello.

Antonio Negreira, o anterior alcalde de Anova, explica que aínda que el chegara ao acordo co propietario para adquirir a finca, non se podía mercar porque os orzamentos estaban fechados xa. Por iso quedou sen executar a compra. Logo das últimas eleccións municipais, no primeiro pleno, Negreira propuxo que a nova executiva, un tripartito liderado por José Manuel Varela (Partido Popular), seguise adiante co trámite, pero dixeron que "non era preferente", explica a Nós Diario.

De feito, conta que durante a campaña inisitiron moito en desacreditar esa adquisición considerando o investimento unha "burrada de cartos", cando tanto el como Calviño, sen entrar en cifras, aseguran que era "ridículo" e "simbólico" para o tesouro que garda.

A campaña

A comezos de xuño deste mesmo ano, unha campaña do grupo Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Mario Fernández-Pereiro e José Carlos Sánchez-Pardo, en colaboración con Tempos Arqueólogos, procuraba ampliar a información dun xacemento que se entende como fundamental para comprender a orixe e a dinámica dunha serie de fortalezas que aparecen con frecuencia nos cumios da zona occidental da Galiza.

A medio camiño entre os castros prehistóricos e os castelos medievais, segundo a teoría que manexa a súa investigación, remontaríanse ao declive do Imperio Romano e á aparición dos primeiros reinos xermánicos na Galiza, como elementos de protección da sociedade nun momento de caída do Estado forte que ostentaba o poder.

A intervención englóbase dentro dun estudo máis amplo que enlaza con outros levados a cabo recentemente no ámbito europeo, centrado na transición do período final romano e a creación do reino Suevo, unha época descoñecida na que "se colocaron os alicerces da evolución social, política e económica deste territorio durante a Idade Media até os nosos días", explicaba Sánchez-Pardo no seu momento a esta cabeceira.

A raíz da repercusión desta escavación, a nova executiva manifestou a intención de adquirir a finca. Pero xa era tarde. Ante o desleixo expresado até ese momento, Larada xa mercara os terreos do castelo co gallo de facilitar a investigación arqueolóxica na zona e garantir a conservación dos restos. "Se ninguén mira por el, igual mañá xa non o temos", di Calviño.

Igualmente, expresou a vontade de pór en valor o patrimonio do Val do Dubra facilitando a inserción do xacemento nun circuíto turístico con outros elementos da área, como a Pedra do Home de Portomouro, á agarda de coñecer máis sobre os estudos en curso. E suplir así, en definitiva, un labor que debería desenvolver o sector público.

A escasos 300 metros do castelo atópase unha canteira

Negreira agradece ao propietario e á súa familia a boa disposición, mesmo permitindo o acceso á zona ao equipo investigador antes de que se efectuase a transacción. “É incríbel que estea así conservado”, comenta. Con todo, resulta preocupante a proximidade dunha canteira (a escasos 300 metros) en proceso de reactivación e cuxo plan de ampliación se achegaba precisamente ao xacemento, conta Calviño.

Aínda que esta non foi a principal motivación para levar a cabo a compra, confesa que si que influíu en certo modo, pois provocáballes inquietude o que puidese acontecer. "Neste país, cando hai cartos de por medio, parece que os bens culturais case estorban", denuncia Calviño. Neste senso, tamén preocupan as plantacións de eucaliptos que rodean o castelo, que xa sufriron varios incendios.

Comentarios