As editoras celebran 40 anos e reflexionan sobre os retos do sector, da internacionalización á dixitalización

Compostela acolleu esta cuarta feira o XX simposio 'O libro e a lectura'.
Anxo Lourenzo, Rosario Álvarez, Henrique Alvarellos e Manuel Bragado, en Compostela. (Foto: CCG)
photo_camera Anxo Lourenzo, Rosario Álvarez, Henrique Alvarellos e Manuel Bragado, en Compostela. (Foto: CCG)

Os 40 anos da Asociación Galega de Editoras (AGE) centraron o XX simposio 'O libro e a lectura' que organiza neste mes de setembro a propia AGE en colaboración co Consello da Cultura Galega. Despois do acto central de celebración do aniversario da entidade o pasado mes de xuño, no que se presentou a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, a biblioteca do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, acolleu esta cuarta feira o acto profesional de balance e análise do futuro da edición na Galiza.

Neste encontro profesional reflexionouse sobre a edición na Galiza ao longo destes 40 anos, a situación do mercado e a internacionalización do libro galego. Após a inauguración proxectouse o vídeo dos 40 anos da AGE realizado pola produtora Illa Bufarda e, seguidamente, tivo lugar a intervención do editor e actual presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, con 'Así xurdiu a AGE en 1983'. O editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, fixo despois unha análise das cifras da edición galega.

Na súa intervención inaugural, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou o salto "cuantitativo e cualitativo que o sector de unos últimos corenta anos" e lembrou o reto da internacionalización e a dixitalización. Ademais, salientou que ambas institución fan neste 2023 corenta anos e que "estamos xuntas no mesmo barco".

Panel de experiencias

Continuou o acto co 'Panel de experiencias: presente e futuro da edición na Galiza' coa participación de representantes de varias editoras galegas. Compartiron experiencias arredor da palestra 'Libro educativo/E-Dixgal' Ana Guerra (Obradoiro) e María Xesús Gómez (Rodeira).

'A LIX e o álbum ilustrado' contou con Paz Castro (Kalandraka), e 'A poesía, a dixitalización e o ecosistema editorial' foi a cargo de Fran Alonso (Xerais); mentres que a importancia de traducir os clásicos universais ao galego foi o tema abordado por Celia Recarei (Irmás Cartoné).

Aliás, Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) interveu sobre a mediación e a prescrición no apoio ao libro galego e, finalmente, Marcos Calveiro (Galaxia) expuxo o panel 'Clásicos: de Castelao á Banda Deseñada'.

Comentarios