As editoras galegas volverán ir ás feiras internacionais sen a Xunta

AGE terá o apoio de Cedro e do autofinanciamento.
Stand da Asociación de Editoras Galegas (AGE) no Liber 2022 (Foto: AGE).
photo_camera Stand da Asociación de Editoras Galegas (AGE) no Liber 2022 (Foto: AGE).

A Asociación Galega de Editoras (AGE) participará un ano máis nas feiras internacionais de Liber e Frankfurt, en outubro de 2023, sen o apoio da Xunta da Galiza.

Para o sector, a proposta presentada pola Consellaría de Cultura “é inviábel e inasumíbel” polo que optaron por volver participar nestas feiras contando coa axuda do autofinanciamento e a colaboración do Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro)

O presidente de AGE, Henrique Alvarellos, asegura en declaracións a Nós Diario que a Xunta “despois de varias reunións estes meses ao final púxonos nunha situación que economicamente non podemos asumir”.

O editor indica que “o convenio que propón o Goberno galego “implica ter que adiantar un diñeiro que despois devolvería en 2024”, unha situación que, de aceptar, “afogaría as nosas contas”. 

Porén, antes de tomar unha decisión, Alvarellos sinala que “consultaron con todas as empresas e pensámolo moito”. Para o responsábel de AGE, á Consellaría fáltalle “un pouco de flexibilidade” e tamén de “diálogo de calidade con nós” coa finalidade de “atopar solucións a un problema que xa é vello”.

Neste sentido, Alvarellos lembra que “nestes seis anos que levo como vicepresidente e presidente é algo que arrastro desde o principio”. 

Prazos e reservas de espazos

Malia que aínda quedan meses para teñan lugar estes eventos do mundo do libro, a solicitude de asistencia ten que realizarse con moita antelación. “Cada día que se deixa pasar quedaban menos lugares ben situados”, explica este editor.  

Desde AGE non entenden que o convenio que lles ofrecen non contemple as características dos habituais.

“Nos convenios anuais de calquera asociación a Xunta adianta un 60% ou un 70%, o resto recupérase ao ano seguinte”, asegura Alvarellos, “mais neste caso non adianta nada, en prinicipio por problemas administrativos, polo que quedamos sen opcións".

Comentarios