CONTRACULTURA

Aser Álvarez: "Ramón Chao foi moi influínte e querido en París, mais na Galiza é unha figura descoñecida"

Aser Álvarez, cineasta e xornalista, dirixe o documental O camiño de Ramón Chao. Trala pista de Prisciliano, que hoxe será proxectado nun segundo pase no marco do Ourense Film Festival, após a súa estrea na segunda feira.
O xornalista, cineasta e director de Arrainos Producións, Aser Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O xornalista, cineasta e director de Arrainos Producións, Aser Álvarez. (Foto: Nós Diario)

—O documental comezou seguindo a vida de Prisciliano, mais acabou incorporando tamén a figura de Ramón Chao. Como se deu este cambio de rumbo?
O documental sobre a vida de Prisciliano fora algo que me encargara o propio Ramón cando nos coñecemos, despois de ver o que eu fixera sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro. Eu xa coñecía a novela de Ramón, Prisciliano de Compostela, e tiña interese pola súa figura polo que aceptei a encarga, aínda que ao final non deu tempo a facelo. Ramón morreu en 2018 e a min quedoume moito pesar por non ter cumprido esa encomenda, de maneira que decidín facerlle este agasallo polo seu quinto cabodano.

Comecei o documental en Tréveris, onde foi decapitado Prisciliano no ano 385. Con todo, cando cheguei a París tiven a sorte de que Antoine, o fillo de Ramón, decidira implicarse, descubríndonos a cidade do seu pai. 

Este foi o punto no que collemos un desvío no camiño, converténdose nunha sorte de road movie que utiliza como fío condutor a viaxe en Vespa que fai Ramón na súa novela, desde París á Galiza, para contar a historia de Prisciliano. Ramón nunca me tería pedido que fixese un documental sobre el porque non se consideraba merecedor, mais realmente vendo todas as cousas que fixo considero que a súa figura debería ser moito máis recoñecida. A súa obra tanto literaria como xornalística, o seu traballo xeneroso, a acollida que deu a represaliados de réximes ditatoriais de América Central e do Sur, a voz que lle deu ao antifranqusimo galego...

El chegou a París nos anos 50 e desde aí podía facer moitas cousas que na Galiza eran imposíbeis. De feito, levou a sección de portugués e español en Radio France, onde entrevistou a práctica totalidade de activistas antifranquistas da Galiza, tanto do interior como exiliados. 

—Percibe diferenzas con respecto a como se ve a figura de Ramón en París e na Galiza?
Tivemos a sorte de facer unha preestrea do documental no Instituto Cervantes de París, á que el doou toda a súa biblioteca, acompañada dunha exposición biográfica de Ramón. Alí confirmei unha vez máis a importancia que tivera a súa figura, as amizades que fixera, admiradores que tiña... Era un home moi influínte e sobre todo moi querido. No primeiro pase que fixemos en Ourense, a xente estaba moi sorprendida porque é unha figura que chama moito a atención, mais tamén creo que é demasiado descoñecida. O feito de estar vivindo tantos anos en París e desenvolver alí toda a súa carreira fai que haxa un certo distanciamento, pero ás veces paréceme inxustificado. 

Ramón é un gran referente do antifranquismo, do activismo cultural e político e un dos líderes do movemento altermundialista. Debería ser unha figura máis reivindicada, que é tamén parte do que o conecta con Prisciliano. Ramón consideraba que el fora inxustamente tratado e esquecido e sempre me dicía que tivera coidado porque era un tema que sempre levantaba moita animadversión. 

—Atopouse con esa animadversión?
Non hai máis que ver a figura de Prisciliano: está moi esquecida. Si, Castelao fala del, como Otero Pedraio ou Unamuno, mais sempre ten unha presenza moi diluída. Creo que estamos nun momento no que é necesario buscar referentes como el, que acreditaba en que outro mundo era posíbel, denunciando a corrupción da Igrexa católica e, sobre todo, a xerarquía.

Foi tamén un pioneiro da igualdade entre homes e mulleres, porque nas comunidades relixiosas que el fundaba podían oficiar misa tanto unhas como outros. O seu grande éxito foi que a súa doutrina combinaba moi ben a nova relixión cos cultos anteriores, triunfando tanto no norte de España como no sur de Francia, coincidindo co Camiño francés. Ramón defendía a tese de que realmente quen estaba enterrado en Compostela era Prisciliano e por iso quería que volvera ao seu lugar e que se recuperara a súa figura no documental.  

Comentarios