A artista Mónica Alonso, natural da Fonsagrada, vén de ser seleccionada no Townhouse Gallery of Contemporary Art do Cairo polo que gozará dunha residencia no Cairo na que ten previsto iniciar o seu novo proxecto creativo, centrado na percepción do espazo e da cor na cultura musulmá, dentro da súa nova liña de traballo no psicoespazo.
Despois de ter comezado no achegamento á percepción dentro da cultura occidental, a artista busca agora ampliar o seu coñecemento na cultura musulmá. “Co fin de coñecer as características arquitectónicas e cromáticas da cultura musulmá elixo o Cairo como unha gran cidade que é reflexo da vida actual” sinala a artista que deseñou un cuestionario que aplicará a cen persoas en distintos puntos da cidade.
“A situación política que está vivindo neste momento a Cidade do Cairo aportará unha visión concreta á investigación que quero realizar” comenta a artista.