Semana da Filosofía

Arte e filosofía como formas de resiliencia

Lágrimas no feche da terceira xornada da XXXIX edición da Semana Galega da Filosofía Galega.
'O existencialismo na vida e na creación artística de María Casares', relatorio de Sabela Hermida. (Foto: M. C.)
photo_camera 'O existencialismo na vida e na creación artística de María Casares', relatorio de Sabela Hermida. (Foto: M. C.)

Corta feira, 12 de maio de 2023, e a XXXIX edición da Semana Galega da Filosofía, “Filosofía e Arte”, segue a todo ritmo no Teatro Principal de Pontevedra. Presididas pola Aula Castelao de Filosofía, as conferencias desta xornada foron: Ecofeminismos, ecoloxías queer e transhumanismos: diálogos entre as prácticas artísticas e feministas e a ecoloxía, de Patricia Mayayo (de 10.30 a 13.30h); O existencialismo na vida e na creación artística de María Casares, de Sabela Hermida (de 17 a 19h), e Hai algo aquí que vai mal, de Fermin Muguruza (de 20 a 22h). Aproveitouse o intermedio, como se vai ir facendo o resto da semana, para reproducir varios capítulos da serie web Sophias, producida por Carme Mera e dirixida por Cristina de la Torre.

Deste modo, o día comezou coa profesora titular no Departamento de Historia e Teoría da Arte da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) Patricia Mayayo e a súa dialéctica entre a arte feminista e a ecoloxía. Comisaria de exposicións, doutorada en Historia de Arte pola UAM, coordinadora do Grupo de Investigación recoñecido da Universidade Autónoma de Madrid DeVisiones, co-IP —xunto con Noemí de Haro— do proxecto financiado na convocatoria dun Plan Nacional de investigación... A súa traxectoria académica, centrada na historia das mulleres artistas, a historiografía e as prácticas artísticas feministas, é incriblemente prolífica.

Dende os anos sesenta, o pensamento ecofeminista insistiu na idea de que existe unha estreita conexión entre a relación de dominio entre o ser humano e a natureza, así como na subordinación de determinados colectivos, tales como as comunidades LGTBI ou pobos orixinarias. Por iso a necesidade dunha aproximación holística ás interseccións entre as distintas estruturas de poder, para construír unha narrativa alongada do patriarcado e que garanta liberdade. Deste modo, Mayayo presentou diferentes reflexións acerca do papel que cumpre a creación artística na tradición do ecofeminismo, da ecoloxía queer e, máis recentemente, os posthumanismos ou transhumanismos.

As eclécticas vicisitudes da actriz e bailarina Sabela Hermida (Vigo, 1979) tinxen a súa voz e xestos mentres fala no escenario. Doutorada en Artes Escénicas cunha tese sobre María Casares, protagonizou máis de vinte producións teatrais, sendo especialmente significativa a súa colaboración artística con Lino Braxe, co que funda a compañía Teatro Proscrito e, posteriormente, Manarte Producciones. Conta con diversas publicacións sobre arte e feminismo, ademais de protagonizar a súa primeira película El cuarto de Mona (2021) e escribir o seu primeiro libro María Casares fronte ao espello (Editorial Xerais, 2022).

Ao falar da gran dama do teatro francés contemporáneo, Hermida quixo destacar a súa independencia e madurez, cualidades ben desenvolvidas dende a temperá infancia que, tras exiliarse a Francia cos seus pais en 1936, contribuirían a crear a súa visión de “poética existencialista”. Se ben abandonar a súa terra, así como a morte dos seus pais, foron un duro golpe, María Casares encontrou unha segunda patria no teatro. “Cando un está exiliado, está exiliado para sempre, pero tamén aprende outra cousa: non hai fronteiras” dicía. Isto emparéntase coa súa obsesión constante por evolucionar e o seu medo a sentirse querida, pois negábase a caer nun “anquilosamento teatral”. Neste sentido, nunca abandonou o concepto de encontrar as raíces, pois para ela cada unha das individualidades humanas conformaba o conxunto do Universo. Igual por iso a súa relación amorosa con Albert Camus foi tan profunda, pois ademais da paixón común que tiñan polo teatro -ela participou en numerosas obras do filósofo-, el caracterizábase por nunca impor o seu criterio e intentar esperar a curiosidade e opinión crítica dos demais.

O famoso Fermín Muguruza (Irún, 1963), artista cultural independente, fechou este compás co último relatorio. Músico de proxección internacional, primeiro coas súas bandas Kortaku e Negu Gorriak, mais tarde en solitario, comezou a realizar documentais en 2006, ano en que cofunda a súa propia produtora musical e cinematográfica TALKA RECORDS & FILMS. Gañador de numerosas mencións e premios, a súa presenza chega ata o final das gradas. Coa súa última película, Black is Beltza II: Ainhoa, recibiu a finais do ano 2022 a cegoña de ouro no festival de cine fantástico de Estrasburgo.

Nun despregamento de carisma e autenticidade, o artista presentou o seu percorrido profesional e vital nunha serie de anécdotas tanto humorísticas como tráxicas. “Resúltame curiosa a relación entre a xente que está en contacto coa Filosofía e a morte”, menciona. O 17 de decembro fixo tres anos dende que o seu irmán faleceu, tres anos “dende que todo o que fago é filtrar toda a miña vida polos seus ollos”. A morte mais importante da súa vida, e non foi testemuño de poucas. Muguruza non ten reservas en compartir a súa experiencia coa heroína, unha experiencia que, seguindo o espíritu de Bataille, faille reflexionar acerca do atraente que é o abismo.

Non obstante, cal foi a súa reacción ante estes reveses? Que lugar ocupou a filosofía e o arte na súa vida? Cun discurso que se sente na propia carne, Fermín Muguruza fala de pedagoxía de choque, de ferramentas de transformación social que sirvan para descarrilar este sistema humano tan defectuoso. “Utilizar la música como una hacha”. Así, se ben dende a morte do seu irmán a filosofía francés existencialista -Jean-Paul Sartre, Simone de Beauvoir...- domina a súa vida, e ten que loitar por cada bocalada de aire, como león asmático, emprega a arte e a filosofía como arma, como trincheira, pois  ”crear empurroume de novo a loitar contra a morte”.

A contemporaneidade caracterízase por certa disolución do espectador a mans do consumo teórico e o espolio teórico ou ideolóxico do pracer estético. O tratado filosófico e a poesía entrelázanse no pensamento para manifestarse en dúas linguaxes ben diferenciadas. As prácticas contemporáneas da fotografía buscan contrapor a brevidade do flash a entes tan ancestrais como a verdade ou a memoria. Esta quinta feira, 13 de abril, teremos a oportunidade de profundar nestas ideas coas respectivas intervencións de O público e os espectadores. Tensións na xénese do suxeito moderno (de 10.30 a 13h), de Luis PuellesUn poema pénsase con versos finais (de 17 a 19h), de Chus Pato, e Contemporaneidade, fotografía conhecimento (de 20 a 22h), de Vítor Vaqueiro.

Comentarios