Pontevedra inaugura a Semana da Filosofía

Na edición deste ano o evento analiza os vínculos entre filosofía e arte.
Palestra de María Novas na primeira xornada da Semana da Filosofía.
photo_camera Palestra de María Novas na primeira xornada da Semana da Filosofía.

Esta segunda feira, 10 de abril, a Aula Castelao de Filosofía inaugurou a XXXIX Semana Galega de Filosofía, titulada 'Filosofia e Arte', no Teatro Principal de Pontevedra. A asociación, nada no curso académico de 1983-1984 co obxectivo de galeguizar a filosofía nas súas múltiples dimensións, volve un ano máis co lema “Xa que non podemos falar. Tocaremos”. Tal e como explícita o título, a temática das conferencias xirará en torno á relación da filosofía e a arte, que será alimentada pola intervención do público nos debates. O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, foi o encargado de abrir o acto inaugural no que participaron tamén a vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva María Lantarón, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Esta edición abriu coa seguinte tríade de intervencións: Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitábel!, por Francisco Jarauta (de 10.30 a 13.30 horas da mañá); Arquitectura e xénero: sobre a xerarquía de valores na produción de espazos para a vida, por María Novas (de 17 a 19h), e CONTRA NATURA. Cando a historia devén contido artístico ou a imposibilidade (case) de explicar sen decorar, por Francesc Torres (de 20 a 22h). Se ben de contido moi diferente, pintan a imaxe común do urxente que é cobrar consciencia dos cambios operados no noso entorno, sendo a arte unha das mellores ferramentas para facelo.

O primeiro relator, Francisco Jarauta, é catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia. Realizou estudos de Historia, Historia da arte e Filosofía nas Universidades de Valencia, Roma, Münster-Westf, Berlín e París. Foi curator de varias exposicións internacionais e Vicepresidente do Padroado do MNCARS, así como forma parte do Comité Científico da Fundación Botín, do World Political Forum e do Instituto Europeo di Design (Madrid). O seu traballo orientase especialmente ao campo da historia das ideas, a filosofía da cultura, a estética e teoría de arte.

Nunha época caracterizada pola aceleración no modo de vida e o cambio constante, a nova situación planetaria está marcada por unha forte complexidade e interdependencia. Jarauta destaca un concepto que Zygmunt Bauman, nun dos seus últimos ensaios -We, The Global Bystanders-, calificaba como “espectadores globais”. Ante un futuro que xa está cheo de conflitos e tensións, precísase a intervención de “novos suxeitos políticos” atentos a construción do sistema mundial que sexan capaces de volver aos postulados que a Modernidade pensou como fundadores de toda a historia humana. Hai quen pensa que esta nova xeración de suxeitos políticos se materializará na nomeada Xeración Centauro.

A segunda congresista, María Novas, é arquitecta e doutorada en Historia e Teoría de Arquitectura na Universidade de Sevilla, ademais de docente e investigadora convidada na Chair History of Architecture and Urban Planning da Universidade Técnica de Delft. Así mesmo, exerce labores de coordinación no Instituto Delft Design for Values para a implementación consciente e explícita de valores no deseño, a investigación e a educación universitaria. Ten un máster en Investigación Aplicada en Estudos Feministas (UJI) e un máster en Rexeneración e Rehabilitación Urbana (USC).

No seu relatorio, Novas presentou unha revisión cronolóxica da presenza patriarcal en todas as areas da vida, especialmente na arquitectura. Na súa formación sempre notou a ausencia de figuras femininas e, unha vez que rematou a carreira, empezou a dedicar os seus estudos de máster e doutorado, así como outros proxectos nos que participou -como o blog Dexéneroconstrución, o cal aínda recorda con cariño- a unha perspectiva feminista que loitara por sacar a luz aquelas creacións de mulleres que quedaran esquecidas ou absorbidas por figuras masculinas. A construción dos nosos espazos de vida ten un significado cultural: o seu deseño limítase, xerarquízase e valórase desde as estruturas de poder e pode perpetuar sistemas de dominación. Polo tanto, é un asunto de xustiza social levar o feminismo as aulas e cambiar esta situación.

Hai dous conceptos que marcaron a súa presentación: a norma mística e o coñecemento situado. O primeiro é extraido da obra Sister Outsider, e expresa que “a principal diferencia entre o home e a muller non é que a sociedade estea construída de forma que só un perfil moi determinado de persoa non sufra opresión -home cishetero, branco, clase alta, etc...-, que tamén”, senón que “a maioría dos membros pertencentes a ese sector da binariedade non recoñecen as súas ventaxas estruturais nin a forma na que a sociedade está construída”. Por outra parte, o coñecemento situado está extraído do corpus filosófico de Donna J. Haraway e fai referencia as limitacións epistémicas que implican partir dun caso práctico ou do mundo real. A única cura, argumenta a filósofa, é partir do feminismo universal e aplicalo aos casos concretos.

O terceiro relator, Francesc Torres, é un artista visual barcelonés moi coñecido polas súas intervencións no espazo público. É comisario de exposicións e colabora en varias publicacións e prensa, así como foi presidente de l’Associació d’Artistes Visuals de Catalunya. O seu traballo atópase en numerosas coleccións públicas e institucionais en todo o mundo, dende no Rockefeller Foundation e Bohen Foundation de Nueva York ata no MACBA de Barcelona, e recibiu numerosos premios, tales como o National Endowment for the Arts Individual Fellowship -en catro ocasións- ou o Massachussets Council for the Arts and Humanities Fellowship. Tamén ocupou a cátedra de Cultura e Civilización Española no Centro Rey Juan Carlos I da Universidade de NYU.

Ao artista nunca lle interesou ver a arte como un problema, senón como unha actividade con estratexias estéticas marcadas e propias. Polo tanto, se ben a construción formal dunha obra de arte é fundamental, na súa intervención afirmará que calquera gasto excesivo de tempo ou enerxía na mesma parécelle un despropósito. O interesante reside no mundo material, na praxe: as persoas, a sociedade, a historia... Estes son os elementos que, ao permear no seu traballo artístico, son arrastrados ao terreo simbólico, onde o espectador pode aprehendelos, asimilalos e comprendelos. Independentemente disto, o seu obxectivo final, asegura, sempre será a realización dunha obra de arte merecedora do seu nome.

Esta foi a figura que fechou o primeiro día da XXXIX Semana da Filosofía Galega. Mañá, día 11 de abril, continuarán as intervencións con Miguel Anxo Rodríguez e Os vellos monumentos a outros ollos (de 10.30 a 13.30h da mañá), unha recuperación do debate acerca do papel e o efecto simbólico-social do arte público; Iria Ribadomar Molina e Filosofía, Arte e Rúa. Ferramentas de transformación social ao servizo de quen? (de 17a 19h da tarde), unha reivindicación da Rúa tanto na Filosofía como na Arte, e Remedios Zafra e A humanidade lida por máquinas (de 20 a 22h da tarde), unha reflexión acerca dos cambios que están a experimentar a humanidade interfaceada por pantallas.

Comentarios