Máis

Arnoia presume de pementos

Desde 2013 o seu produto ten Indicación Xeográfica Protexida.
Pemento de Arnoia definitivo
photo_camera Desde onte até o domingo a veciñanza poderá achegarse ao campo de fútbol A Queixeira para catar o produto local.

Esta fin de semana A Arnoia vive unha das celebracións máis esperadas do ano, a súa Festa do Pemento. O evento, que celebra a súa XLII edición, é unha tradición arraigada desde que se organizou por primeira vez en 1979. 

Naquel momento non existían tantos medios como hoxe, o motivo principal da organización do evento era promover o pemento de Arnoia e exportar o produto local ao resto do país.

A festa foi crecendo ao longo do tempo e cada vez goza de maior recoñecemento. En 2009, foi declarada Festa de Interese Turístico da Galiza. En 2013, a Festa do Pemento de Arnoia conseguiu outro fito para este vexetal: a súa catalogación como Indicación Xeográfica Protexida.

O ámbito xeográfico da zona de produción que posúe a etiqueta protexida Pemento da Arnoia comprende unha área de 23 km2 de extensión constituída polo termo municipal da Arnoia e pola parroquia de Meréns, pertencente ao municipio de Cortegada.

O impacto económico desta hortaliza é notábel. Segundo o rexistro da Xunta da Galiza, en 2022 a produción comercializada achegouse ás 2 toneladas (1.986 kg). O valor económico estimado foi duns 2.979€.

A programación deste ano inclúe unha serie de actividades que complementarán a cita. Hoxe comeza a xornada ás 10.30 horas coa Concentración A Arnoia de Vehículos Clásicos do Pemento. Ás 12.20 horas haberá animación musical que correrá a cargo de Sorcha. 

Á tardiña, ás 21.30 horas, terá lugar o Festival de pandereteiras Arnoia Viva no que participan de Pan sen Fron, Pandereteiras de Sadeo e Airiños de Arnoia.