Voces Novas

Aquí estamos nós

silêncio

Dende o comezo das civilizacións, a raza humana, foi buscando a prosperidade para as vindeiras xeracións, un mundo mellor. E probablemente se conseguira. Os nosos avós loitaron por un goberno máis xusto para os seus fillos, e sen esas ansias sería imposíbel atoparnos onde agora estamos.

Cada familia podería contar unha historia sobre a Guerra Civil ou a ditadura, dunha loita muda ou non, e con distintos finais. Que duro sería agora continuar sen poder contalo.

Pero e nós, que mundo estamos a deixar? Unha sociedade que acepta todo o que lle boten, unha sociedade que xa non é a de "mexan por nós e temos que dicir que chove" senón que somos a sociedade do "mexan por nós e orgullosos estamos de que mexen". A realidade é dura e brutal, como tamén o é a época de mudismo e aceptación total de masacre que levamos a cabo a cidadanía ó completo.

Somos a sociedade do "mexan por nós e orgullosos estamos de que mexen"

Coa situación de crise que aínda vivimos, moitas voces son as que aseguran que noutra época unha revolución tería saltado, pero non agora. Sentímonos máis libres, e só iso. E probablemente nalgúns aspectos si o sexamos. Eu podo estar agora escribindo isto e ti léndoo. Pero seguimos atados a mañá erguernos, escoitar unha noticia de corrupción (por exemplo) e continuardes a escoitar outra recua delas, mentres solicitamos unha beca de estudos porque os nosos pais non nolos poden pagar. E maldicimos o día que chegou a crise, pero non sentimos a necesidade de levar a cabo un levantamento pola honra e tan só para dicir: "Aquí estamos, nós, ós que non devolvedes os millóns roubados nas cláusulas do chan. 

Nós, as que xa non podemos decidir sobre o noso propio corpo. 

Nós, os que imos ir a unha reválida na que nolo xogaremos todo.

Nós, que pagamos o rescate dos bancos. Nós, que non volveremos ulir os cartos que levou a familia Pujol, Bárcenas ou algún da cúpula valenciá. 

Nós, que sufrimos unha campaña contra o idioma. 

Nós, que nos explotan a través do leite. 

Nós, que xogan a privatizar a nosa sanidade. 

Nós, os que imos quedar sen fondo de pensións. 

Nós, os e as que, botedes a carga que nos botedes enriba, iremos mañá tomar unha caña e ver un partido ó bar."

Ises somos nós, adoutrinados por eles para calar, e destinados a non avanzar, é máis, a retroceder en todo o social. Porque quizabes os datos falen dunha saída da crise (desas macroeconomías que xa están saíndo, desas que nos quedan tan lonxe, en Bangladesh ou Taiwan deben estar a fabricar) pero nós quedamos máis pobres, porque non hai maior pobreza que un país que xa non fala.

Comentarios