Apatrigal presenta catro proxectos aos Fondos Europeos

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou propostas aos Fondos Europeos Next Generation, por un importe total de 46.160.510 euros
A Frouseira é un dos conxuntos patrimoniais afectados polo parque eólico. (Foto: Xunta da Galiza) #afrouseira #patrimonio #parqueeólico #eólica
photo_camera A Frouseira (Foto: Xunta da Galiza)

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) presentou, dentro do proceso de participación pública e a través da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, catro proxectos para os Fondos Europeos Next Generation, por un importe total de 46.160.510 euros.

A liña dos proxectos enmárcase, segundo explican nun comunicado, "nun cadro estratéxico para a defensa, a conservación e a divulgación do rural máis despoboado, ademais de pór en valor elementos descoñecidos pola cidadanía e outros que non tiñan un marco específico de coñecemento".

Comprenden bens do patrimonio cultural material e e impulsan a creación de vivenda pública e modelos turísticos alternativos ao convencional, todo asociado ao mantemento da agricultura de proximidade e ao coidado e vixilancia do patrimonio etnográfico.

Inventario, lista vermella e recuperación

Apatrigal propón crear un inventario patrimonial global, accesíbel desde dispositivos electrónicos por parte da poboación, en varias linguas. Noutra das propostas, aposta pola creación dunha Lista vermella galega de bens en perigo, tras a análise dun comité científico.

Con posterioridade aconsellan realizar distintos parámetros de actuación, con preferencia nos concellos con reto demográfico por falta de poboación.

Outra das iniciativas propón recuperar corenta casas reitorais abandonadas para vivenda social e dez mosteiros na mesma situación para uso cultural, ademais de crear un museo territorial do patrimonio ao aire libre.

Por último, suxiren realizar o inventario, diagnóstico, divulgación, conservación e restauración de elementos patrimoniais que até a data non están contidos en ningún documento.

Comentarios