Apatrigal advirte: As consecuencias dos eólicos poden ser peores que as dos encoros

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) pronunciouse esta sexta feira en relación á eclosión de proxectos eólicos ao longo da Galiza. Hoxe en día hai 131 planeados. A entidade advirte de que “as consecuencias poden ser similares ou peores á construción dos encoros”.

Parque eólico Paxareiras, nos concellos de Mazaricos e Muros. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico de Paxareiras, no concello de Muros (Foto: Arxina).

“O impacto no territorio e nas persoas do rural, irreversíbel, que incide sobre eses elementos que conforman a nosa identidade desde a Idade Media: as agras, as pontes, pontellas e poxados, os camiños e corredoiras, os cómaros e valados, fontes e lavadoiros, o ciclo da auga, os microtopónimos e o sentir das xentes que habitan no rural”.

É a voz de alerta lanzada pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) a respecto do “boom” de proxectos eólicos.

A entidade transmite a preocupación pola “transgresión que suporía a súa implantación xeneralizada no territorio” -son 131 os proxectos actualmente planeados ao longo da Galiza- e pide “unha reflexión estratéxica sobre o plan eólico galego”.

Mudanza da estrutura territorial

Apatrigal advirte de que non se trata só dunha “nova imaxe para a paisaxe galega”, senón que “transformará o que está abaixo: a estrutura territorial”. Advírteo a arqueóloga e antropóloga Ana Isabel Filgueiras, quen alerta de que as consecuencias dos parques “poden ser similares ou peores á construción dos encoros”.

Proxectos e megaproxectos industriais de todo tipo, monocultivos e monodiscursos e a meirande parte dos proxectos enerxéticos, das enerxías renovábeis que nos impoñen, son profundamente desvitalizadores e condenan ao desarraigo e ao abandono, como xa fixeron outros antes", di.

"Se ben aparecen de súpeto coma unha ladaíña verde e xentil que resoa salvadora no alto dunha ermida, logo aparecen estrañas, alleas e devoradoras, desatendendo o palpito vital das persoas e dos lugares”, continúa a experta.

Filgueiras pon de manifesto que as infraestruturas que requiren para a implantación dos aeroxeradores “descarnan o territorio dunha forma irreverente e irreversíbel” e apela a “rectificar” e “ao sentido común, á memoria, á honra, á benevolencia”, para que se deteña o “espolio natural e cultural que nos asola” e perdure “unha forma de vida moderna acorde cos tempos, con futuro, respectuosa de verdade coa vida, coa natureza e coa cultura”.

A reflexión de Apatrigal chega un día antes da manifestación convocada en Compostela ás 12 horas con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente contra o "boom" dos eólicos.

Comentarios