Contracultura

Anxos García Fonte: "Que ten Jean Austen que non teña Rosalía? Un traballo audiovisual que chegou a todo o mundo"

A profesora Anxos García Fonte é produtora de A rosa incandescente, unha curtametraxe premiada no Aracnea Film&Book Festival de La Castellaneta, na Puglia (Italia). García Fonte aborda connosco a idea orixinal, a difusión da literatura e, en definitiva, a Rosalía, "unha figura que interesa en calquera parte do mundo cun mínimo de sensibilidade cultural e artística".
A profesora Anxos García Fonte tivo a idea orixinal para 'A rosa incandescente'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A profesora Anxos García Fonte tivo a idea orixinal para 'A rosa incandescente'. (Foto: Nós Diario)

—Como acaba unha docente producindo unha curtametraxe galardoada?
É o resultado dunha serie de traballos feitos na aula e na biblioteca do centro no que estaba destinada. A idea fundamental era Rosalía de Castro, falando directamente de si mesma e da súa obra. De feito, iso foi unha especie de presentación que fixeramos e eu encarnei a Rosalía, algo que chamou moito a atención entre as crianzas. 

Cando chegou a pandemia, comecei a facer un guión só imaxinándoo como un filme ou unha curta, dinllo a ler a algunhas persoas que me dicían que era boa idea e, cando coñecín o Pazo de Sabadelle, vino claro. Ese período serviume para reunir un equipo, cousa que non era tan doada porque eu non pertenzo ao mundo audiovisual, mais fomos tirando uns dos outros e por casualidade podo dicir que reunín un equipo excelente. 

En principio, pedimos subvencións ás institucións que pensamos que poderían axudarnos, mais a única que o fixo foi o Concello de Chantada. Foi unha axuda importante que ademais chegou na posprodución. 

—Chama a atención que unha obra tan centrada en Rosalía acabe sendo premiada en Italia.
O percorrido que ten aquí é moi pequeno. Polo momento, só foi exposta en Chantada na estrea e no meu instituto, onde fixen a comprobación cos meus alumnos. E funciona bárbaro, porque chama a atención. Visualmente, ten unha fotografía e unha ambientación marabillosas, e iso dixéronmo persoas que non sabían nin onde estaba a Galiza. 

A min tamén me chama a atención, porque pensaba que aquí ía haber moito interese por esta curta e non está sendo así. En principio, é comprensíbel porque eu non estou nese mundo e desde fóra calquera pode pensar que é a ocorrencia dunha profesora e un traballo pouco serio, mais non é así. 

Fixen unha aposta porque creo neste produto, porque creo no valor da cultura e da literatura galega e porque penso que Rosalía é unha figura que interesa en calquera parte do mundo cun mínimo de sensibilidade cultural e artística. E iso foi o que atopei en Italia. Cando presentei a curta, expliqueilles que Rosalía era a nosa poeta nacional, e que é unha das primeiras que escribiu e reivindicou con forza a lingua e a cultura do seu país deixándonos unha visión crítica da sociedade que lle tocou vivir, por exemplo, coa emigración galega a América. Isto tamén o viviu o sur de Italia e aí conectei con eles; tanto que cando remataron de ver a curta moitas persoas querían saber máis de Rosalía. 

—Dito así, un dos labores dunha docente é espertar o interese.
Pois si. Está claro que eu teño unhas carencias porque non pertenzo ao mundo audiovisual e non sei como moverme nel e está claro que non son espelida para conseguir axudas, porque ao final tiven que pagar máis da metade do proxecto cos meus aforros. Mais dalgunha maneira, estou vendo resultados, é moi gratificante ver que fóra a xente atopa interesante a historia que estou contando, que tamén é interese pola cultura galega. 

Dáme moita pena que non se teña feito un traballo de maneira exhaustiva de contar de forma audiovisual a literatura galega. Temos unha literatura marabillosa e creo que deberíamos aprender da BBC. É popularizar a propia tradición cultural que moitas veces queda nun andel das librarías para adolescentes desganados que a len á forza. Canta xente mercou e leu as obras de Jane Austen? Que ten Jane Austen que non teña Rosalía de Castro? Pois detrás hai un traballo audiovisual moi potente que chegou a todo o mundo e que nos vendeu ese produto, que fixo que nos interesásemos pola súa figura e polo universo literario que ela creou.

Comentarios