Contracultura

Ángel Santos: "Vivimos nun neoliberalismo extremo que nos obriga a ser produtivos constantemente"

Ángel Santos, cineasta, está detrás de 'Alicia fai cousas', unha obra que recibiu os galardóns a Mellor curtametraxe de ficción, Mellor dirección, Mellor guión e Mellor protagonista feminina no Festival de Cans.
Ángel Santos é o director, guionista e produtor de 'Alicia fai cousas'.
photo_camera Ángel Santos é o director, guionista e produtor de 'Alicia fai cousas'. (Foto: Cedida)

—Como senta saber que o Festival de Cans cualifican os seus resultados como un triunfo histórico?
Sempre senta ben o recoñecemento, mais non deixa de estar aí a sensación de non estar acostumado. Xa non o digo por min, senón pola vida en xeral. Cando te acostumas á derrota, recibir premios de súpeto sempre descoloca un pouco. Sobre todo estou agradecido polo recoñecemento ao traballo e ao equipo. Recoñecer, neste caso, tan amplamente a curta fai que implique a todas as persoas que traballamos nela, é unha forma de dicir que fixemos un bo traballo. Con todo, se ben estes premios axudan a darlle enerxía as cousas, considero que non son algo esencial.

Todo partiu do encontro con Alicia Armenteros, a protagonista, porque coincidimos no Festival e a partir de aí comezamos a conversar bastante e a atoparnos a partir de certas reflexións sobre esta idea do aburrimento ou de sentir certo abafamento pola vida, que dalgunha maneira nos impide relacionarnos ou movernos. Non abordamos tanto o aburrimento como algo superficial, senón que intentamos profundar nel. Xa falaramos nalgún momento de que nos apetecía facer algo en conxunto e a raíz destas conversas pareceume que aí estaba o tema que nos podía conectar. E está moi ben, porque ás veces estás loitando para tratar de facer cousas ou de explicar a xente o que queres facer, e confían aínda sen saber moi ben o que vai pasar e ao final mira, veñen estes premios e a xente que participou tamén se sente recoñecida. 

—Tamén vai un pouco ligado a esta sensación de que sempre hai que estar facendo cousas, non?
Totalmente. Temos tanta exposición nas redes sociais que dalgunha maneira acabamos sentindo un peso ao ver o que fan outras persoas e que a ti te costa tanto, ben sexa a nivel laboral ou lúdico. Ás veces acabas por sentirte fóra deste movemento. Por suposto tamén está este desexo de atrapar a vida e por facelo todo, tanto que ao final cada persoa acaba encerrada en si mesma sen ser quen de dar o primeiro paso. Cando eu lle falei desta idea a Pablo García Canda, o outro guionista xunto comigo, desenvolvemos un pouco isto. Como fas un filme sobre alguén que se aburre? Podíamos quedar na incapacidade de facer, mais nós tamén queríamos xogar con esta idea máis moral, case cómica, de alguén que realmente si que está facendo cousas. Porque Alicia está preparando unha audición, vai a unha festa, trata de saber que facer... Chegamos a esta idea de personaxe que fai moito, mais que á vez non fai nada.

—Porque moitas veces as cousas que se fan non son produtivas.
Claro, esta sociedade que nos leva a un neoliberalismo terríbel e extremo e que nos fai sentir que temos que ser produtivos ou asumir ese non pertencer, o non ser. Claro, que pasa con ese tempo de espera? Na película, a primeira vez que escoitamos a Alicia está falando de estar agardando por un tren que non chega e comeza a derivar sobre ese desacougo existencial que ten ela e que ten que ver con iso, coa produtividade. Penso que temos que reivindicar precisamente todo o outro, o que forma parte do non facer.

—Ten algún proxecto entre mans?
Desde hai un tempo tamén estou producindo outros proxectos, como foi neste caso Alicia fai cousas, e actualmente estou traballando nunha longametraxe de Pablo e noutro documental. Alén, tamén estou preparando a miña seguinte longametraxe, Así chegou a noite, que temos a intención de rodar a primavera que vén. Está tamén relacionada coa produtividade, mais neste caso é distinto porque ten que ver coa necesidade de desconexión nestes tempos nos que estamos híper conectados. A historia xira arredor dun escultor da zona de Sanxenxo que está traballando nunhas pezas e cada vez comeza a fascinarse máis por un espazo e uns personaxes que vai atopando, chegando a desligarse de si mesmo por dicilo dalgunha maneira.

Comentarios