Álvarez-Ossorio dirixirá a gala dos Premios María Casares

O evento organizado pola Asociación de Actores e Actrices da Galiza, terá lugar o día 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro na Coruña e lembrará o centenario da actriz.
Carlos Alvarez Ossorio (Foto: Xoán Alvarez).
photo_camera Carlos Alvarez Ossorio (Foto: Xoán Alvarez).

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares xa ten director. Nesta segunda feira anunciouse que neste 2022, ano no que se conmemora o centenario da actriz que dá nome ao galardón, o responsábel da mesma será o director, actor e dramaturgo andaluz Carlos Álvarez-Ossorio.

A súa proposta trazará sobre o escenario un percorrido pola traxectoria vital e artística de Casares. Con ese obxectivo contará cun elenco conformado integramente por mulleres que se encargarán de poñerlle voz ás palabras da propia actriz, xa que o espectáculo recollerá fragmentos das súas memorias. 

Na cerimonia de entrega dos premios de teatro actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música ao vivo correrá a cargo de Proxecto X, un conxunto de músicos da nova xeración de jazz.

A formación está integrada pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva e a voz da propia De Nut. Por outra banda, Violeta Martínez Rivera encargarase do deseño de iluminación e mais do espazo escénico, Marián Bañobre será a vestiarista e Rubén Porto é o axudante de dirección. 

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices da Galiza, terá lugar o día 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro na Coruña e nela competirán un total de 14 espectáculos nas diferentes categorías nas que se dividen os premios. A lectura do  Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro correrá a cargo do actor e director Fernando Dacosta.

Finalista ao Premio Max

Carlos Álvarez-Ossorio (Sevilla, 1973), formou parte do Centro de Investigación Teatral Territorio Nuevos Tiempos (TNT) de Sevilla. Foi director artístico e técnico da Feria de Teatro de Calle LaTeatral de Sevilla, director técnico do Festival Sevilla Circada e do Festival Express, director convidado no encontro europeo 'Connaître, produire, jouer le jeune théâtre européen'.

En 1996, fundou a Compañía 'Cámara Negra' e en 2006 gañou o Premio Max 2007 ao mellor autor en galego. Neste 2022 Álvarez-Ossorio é finalista ao Premio Max ao mellor actor pola súa obra Si esto es un hombre, adaptación teatral da referencial obra autobiográfica de Primo Levi.

Comentarios