María Casares, protagonista na Galiza e fóra polo centenario do seu nacemento

Anúnciase unha ampla axenda de contidos na súa honra para 2022. Esta proposta súmase á do Concello da Coruña, que hai unhas semanas anunciaba a programación de diversos actos para lembrar a esta actriz coruñesa.
A recoñecida actriz galega María Casares. (Foto: Europa Press)
photo_camera A recoñecida actriz galega María Casares. (Foto: Europa Press)

A actriz galega María Casares volve estar de actualidade após o anuncio, esta segunda feira, de que en 2022 será homenaxeada amplamente a través dunha extensa programación de actividades que se poderá gozar tanto na Galiza como fóra dela. A intención desta iniciativa da Consellaría de Cultura da Xunta -que vén sumarse á axenda do Ano Internacional María Casares que está a ultimar o Concello da Coruña- é “dar visibilidade ao legado da artista”, que aínda hoxe non é tan coñecido socialmente. 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicou onte nun acto público que a figura de Casares vaise pór de relevo apostando nas propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. 

No seu discurso, recoñeceu que existe unha “débeda histórica” coa galega, unha “artista universal que é, ademais, unha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo”. 

Así, na presentación comentouse, entre os seus méritos, a posta en marcha dunha “escola interpretativa propia que abriría oportunidades para moitas mulleres da súa época”. Aliás, a artista que dá nome aos premios do teatro máis importantes da Galiza, tamén deu a man a novas e novos creadores e producións consideradas transgresoras para o momento. 

“Consideramos que, con estas credenciais debemos renderlle unha homenaxe que permita abordar con xustiza, respecto e profundidade unha figura tan poliédrica como a de Casares”, expresou o conselleiro, polo que todas as institucións que colaboran traballarán para tecer unha programación “o máis ambiciosa posíbel, diversificada e plural”.

Na iniciativa, co gallo do centenario do nacemento da artista coruñesa, colaborarán a Asociación de Actores e Actrices da Galiza, Edicións Xerais e a CRTVG, entre outras, alén da Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia e o Instituto Cervantes.

Aínda que o deseño da programación continúa o seu curso, xa transcendeu, por exemplo, que a embaixada en París e o Instituto Cervantes van impulsar unha lectura escénica de fragmentos que interpretou Casares e unha exposición de fotografías. 

Na Galiza, fíxose público que decorrerá unha edición especial dos premios aos que dá nome a actriz e tamén está en marcha un espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego e Ainé Producións que dirixirá Tito Asorey

Comentarios