Convocados os XXVI Premios de Teatro María Casares

A AAAG abre a inscrición até o 10 de marzo.
A xarra que se entrega nos Premios de Teatro María Casares (Foto: LaDiapo).
photo_camera A xarra que se entrega nos Premios de Teatro María Casares (Foto: LaDiapo).

A asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), entidade sindical que reúne máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena no país, anunciou na segunda feira a convocatoria dos XXVI Premios de Teatro María Casares.

O prazo de inscrición abriuse este 14 de febreiro e rematará o vindeiro 10 de marzo coa idea de que participen todos os espectáculos de teatro en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021, ademais daquelas obras do último trimestre de 2020 que non tiveran a posibilidade de concorrer aos premios na edición anterior. 

Unha vez rematado este prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo -formado por perto de 450 persoas da profesión, da crítica e do xornalismo cultural galego- escollan a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se dividen os premios.

Unha vez determinadas as candidaturas finalistas, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán as gañadoras, que se darán a coñecer nunha gala que terá lugar, como na anterior edición, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. 

Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, entregáronse por vez primeira en 1997 e están considerados como un grande escaparate do sector das artes escénicas. 

Galardóns para 14 categorías do teatro

Os María Casares constan, en total, con galardóns en 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. 

Na entrega, como noutras edicións, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto que homenaxea e celebra tanto a traxectoria artística de persoas que co seu traballo impulsasen a profesionalización do sector, como tamén a institucións que apoiasen o desenvolvemento das artes escénicas.

Os galardóns contan outro ano máis coa colaboración da Xunta da Galiza, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e a compañía Gadisa.

Comentarios