Catorce obras compiten nos grandes galardóns do teatro galego

'Cigarreiras', 'Othello' e 'A lúa vai encuberta' parten como favoritas nos María Casares

A lúa vai encuberta, Cigarreiras e Terceiro acto competirán polo María Casares ao mellor espectáculo mentres que Hugo, dos Náufragos Teatro; Quixote, de Pedras de Cartón, e Cubo, de Elefante Elegante, farán o propio no apartado de espectáculo infantil.

'A lúa vai encuberta', de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, compite polo Premio ao Mellor Espectáculo.
photo_camera 'A lúa vai encuberta', de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, compite polo Premio ao Mellor Espectáculo.

Shakespeare, Emilia Pardo Bazán e Manuel María son os responsábeis das obras favoritas para os Premios María Casares deste ano. Cigarreiras, unha adaptación de Cándido Pazó da novela de Pardo Bazán A tribuna, e o Othello de Shakespeare, na versión de Marta Pazos para Voadora, parten con oito candidaturas cada unha. E A lúa vai encuberta, de Manuel María, na versión de Vanesa Sotelo para a coprodución asinada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, ségueas de perto con sete candidaturas. 

Esta tarde, en Santiago, durante a xa tradicional Festa de Finalistas 2022 que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galiza, déronse a coñecer os catorce espectáculos que competirán en calidade de finalistas nos grandes premios do teatro galego, organizados desde a súa creación, en 1977, pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). 

Cigarreiras, producida por  Contraproducións e Teatre Romea, e dirixida e adaptada por Cándido Pazó, competirá nas categorías de maquillaxe, vestiario, escenografía, adaptación-tradución, actriz protagonista por partida dupla (Tamara Canosa e Susana Dans), dirección e espectáculo. 

O Othello de Voadora competirá nos apartados de maquillaxe, vestiario, escenografía, iluminación, adaptación-tradución, música orixinal, actor secundario (Hugo Torres) e dirección (Marta Pazos). 

Pola súa parte, A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, competirá por sete María Casares ao contar con finalistas para iluminación, adaptación-tradución, música orixinal, actor secundario (Tito Asorey), actor protagonista (Davide González), dirección (Tito Asorey) e espectáculo.

 

Mellor espectáculo 

Resulta rechamante que o Othello de Voadora, malia obter oito candidaturas, quede fóra da carreira polo premio ao mellor espectáculo. Nesta categoría, xunto con Cigarreiras e A lúa vai encuberta, compite a produción do Centro Dramático Galego (CDG) Terceiro Acto. A obra do CDG, ademais, rexistra outras cinco candidaturas finalistas nos apartados de escenografía, texto orixinal, actriz protagonista (Belén Constenla), e actor protagonista por partida dupla (Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán). 

Tamén do CDG, O charco de Ulises, con texto e dirección de Santiago Cortegoso, consegue dúas finalistas, ao aspirar por partida dupla ao premio de actriz secundaria (Mónica Camaño e Raquel Espada). 

Tamén con dúas candidaturas se presentan Comando Comadres, de Matrioshka Teatro -maquillaxe e actriz secundaria (Anabel Gago)-, e Quixote, da compañía Pedras de Cartón, que opta aos de vestiario e espectáculo infantil.

Ademais, outros sete espectáculos acadaron un finalista: Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro (actor secundario, Fernando Dacosta); A parábola do angazo, de Talía Teatro (texto orixinal); A cazola de Lola, de Tanxarina (música orixinal); Soga e cinsa, de Aporía Escénica (texto orixinal); Serva me Servabo te, do CDG (iluminación), Hugo, de Os Naúfragos Teatro (espectáculo infantil), e Cubo, de Elefante Elegante (espectáculo infantil). 

Os resultados finais dos Premios María Casares daranse a coñecer o vindeiro 2 de xuño, na gala que se realizará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Unha edición arredor do centenario de María Casares

A edición deste ano coincide co centenario do nacemento da propia María Casares, a mítica actriz que dá nome aos galardóns, polo que a gala de entrega dos premios xirará arredor da súa figura. 

Ademais, durante o transcurso da cerimonia, o actor Fernando Dacosta dará lectura ao Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, no que enxalza a profesión escénica como “facho que reporta sabedoría á sociedade”.

Comentarios