Alejo Amoedo ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes cun discurso sobre Reveriano Soutullo

O pianista reivindicou a preponderancia transformadora da música que vai máis aló do entretemento
Alejo Amoedo, á dereita, no acto da Real Academia Galega de Belas Artes (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alejo Amoedo, á dereita, no acto da Real Academia Galega de Belas Artes (Foto: Nós Diario).

O pianista Alejo Amoedo ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), nun acto realizado este sábado no auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo, como académico numerario da sección de Música da institución.

O músico pronunciou o seu discurso Reveriano Soutullo Otero (1880 - 1932) Música de salón con piano no alborexar do século XX e agora compartirá sección co director de orquestra Maximino Zumalave e o compositor Juan Pedro Durán na tarefa do estudo, conservación, protección e proxección da música na Galiza

No acto interveu tamén o presidente da entidade, Manuel Quintana Martelo, que asegurou que “temos a confianza e seguridade que a súa incorporación como académico de número será de grande interese para seguir ampliando e mantendo a histórica sección de música coa máxima dignidade”.

Alejo Amoedo, redondelán de nacemento e vigués de adopción, comezou a súa disertación agradecendo á Academia o seu nomeamento e asegurou estar “comprometido, por medio da súa dedicación e traballo, coa promoción e desenvolvemento das artes galegas”. Nesta liña, Amoedo reivindicou a preponderancia transformadora da música que vai máis aló do entretemento, “sendo un motor fundamental que inspira a sociedade, creando benestar e identidade cultural”.

No seu discurso lembrou á académica que ocupou anteriormente a súa praza na Ragba, a pianista e pedagoga María de las Mercedes Goicoa, presidenta de honra da Academia, que a súa vez tamén ocupara a cadeira de María Luisa Nache

Amoedo centrou o seu discurso na figura de Reveriano Soutullo, “un dos compositores máis influentes e importantes do primeiro terzo do século XX”, que, por motivacións emocionais, xa que seu avó –compoñente da Banda de Música Municipal de Redondela– e seu pai –membro da desaparecida Banda de Música de Cabeiro do municipio redondelán– tiñan ao compositor Soutullo como un referente musical e transmitíronlle ese querenza desde a súa nenez, que co paso do tempo intensificou coa investigación, interpretación e gravación de varias das súas obras.

A outra motivación de Alejo para elixir a Soutullo para o seu discurso de ingreso foi o lugar destacado que ocupa na historia do teatro lírico, converténdose nun dos compositores máis prolíficos en obras colaborativas, que contribuíu ao repertorio para formacións de vento dedicadas a súa Galiza natal.

O piano para Soutullo

O pianista explicou que Soutullo comezou os seus estudos oficiais na sección de obreiros da Escola de Artes e Oficios de Vigo para, máis tarde, amplialos no Conservatorio de Música e Declamación de Madrid, matriculándose inicialmente en cornetín para, finalmente, decantarse polo camiño da composición.

En relación á dimensión do piano, Amoedo explicou que Soutullo utilizou este instrumento como unha “ferramenta de traballo na súa faceta de compositor e músico”, sobre todo para probar procesos harmónicos, contrapuntísticos ou formais das obras e experimentar os distintos estilos compositivos doutros autores.

A música de salón 

Amoedo mergullouse despois na música editada con piano de Soutullo, unha música de especial consumo na época coa que a xente se divertía nos salóns das sociedades recreativas ou nos cafés das cidades. “O repertorio con piano de Soutullo pode enmarcarse na música de salón, un tipo de música sinxela iniciada nos salóns decimonónicos e creada para entreter", asegurou.

Ademais, o pianista redondelán incidiu en que esta música de salón, editada para a súa venda masiva, realizaba de certa maneira unha función pedagóxica, xa que as mozas burguesas que a consumían asistían a clases particulares de formación instrumental.

O acto rematou coa intervención do académico Juan Pedro Durán, que destacou o papel investigador e divulgador do patrimonio musical galego de Alejo Amoedo.

O

Comentarios