Contracultura

Alejo Amoedo: "A música galega conta cun ecosistema sólido e está recollendo os froitos do traballo realizado"

O músico Alejo Amoedo (Quintela, Redondela, comarca de Vigo, 1966) é o membro de máis recente incorporación da Real Academia de Galega Belas Artes (RAGBA). Amoedo aborda o percorrido e a situación actual da música e a composición galegas.
O redondelán Alejo Amoedo leva no mundo da música desde os 16 anos (Foto: Nós Diario).
photo_camera O redondelán Alejo Amoedo leva no mundo da música desde os 16 anos. (Foto: Nós Diario).

—Como recibiu a noticia de que ía ser nomeado membro da Real Academia Galega de Belas Artes?
A miña primeira reacción foi de sorpresa e de incredulidade, aínda que por suposto síntome moi honrado e agradecido. Ademais, sei que vou ocupar a praza de Mercedes Goicoa, pianista e a primeira muller do Estado español en presidir unha Real Academia de Belas Artes. É curioso porque sinto que temos moito en común: ambos acompañamos cantantes; profesores en conservatorios, ela na Coruña e eu en Vigo.

Ela estudou co mestre do meu mestre de acompañamento vocal. Sabendo todo isto agora tamén empezo a ver as cousas con perspectiva e vou facendo un reconto da miña traxectoria e do que levo feito. Son unha persoa moi ecléctica, teño moitísimas liñas abertas: gústame o coleccionismo, a interpretación, a docencia... Isto reafirma un pouco o meu compromiso coa Galiza e coa música, a miña maneira de defender as cousas. 

—Precisamente, como docente e mais como divulgador da música galega, como ve vostede a escena actual?
Sempre a comparo coa variedade que temos na lingua, que se dá tamén na música. Temos todos os atractivos e elementos para que sexa importante e evidentemente non é unha cuestión dunha persoa soa. É algo que se vén construíndo desde anos atrás grazas ao labor de profesionais de diversas áreas: musicoloxía, interpretación, composición e demais. Temos tamén bandas de música, corais, música tradicional...

A situación, desde a creación dos conservatorios e da propia Xunta, nunca estivo mellor que agora no sentido de que temos moitos intérpretes, persoas dedicadas á composición, cada conservatorio tamén ten a súa orquestra profesional e contan cun alumnado moi numeroso. Cando eu comecei non existía nada disto. Estaba todo por facer e as academias eran basicamente as bandas de música. Que a día de hoxe seguen a selo, mais hai un número máis elevado de axentes que podemos intervir e complementarnos nesta escena actual. 

—Isto tamén se reflicte no palmarés de concursos e premios fóra do país. 
Para nós non é ningunha sorpresa porque o nivel é efectivamente alto. Contamos con compositores como Juan Durán, un pianista ao que admiro moito e co que compartirei na Real Academia Galega de Belas Artes, xa estaba tocando e traballando cando eu o coñecín. Non é unha sorpresa que toda esta xente estea a facer grandes obras, é unha continuación do labor que se foi facendo ao longo de todo este tempo. Tamén temos moitos intérpretes cun talento incríbel que saíron dos nosos conservatorios e que agora están traballando en orquestras estranxeiras despois de continuar os seus estudos fóra. 

—Como redunda isto no país?
Iso é moi enriquecedor porque logo estas persoas volven á terra e traen con elas as súas experiencias. E ao mesmo tempo tamén levan a nosa música con elas e a comparten fóra. Hoxe é moito máis doado facer estas viaxes entre países e isto tamén fai que sexa un bo momento para a música galega. Dito isto, pode estar moito mellor, claro.

Sempre temos que tentar activar a escena, falemos de música clásica ou de calquera outro tipo. É certo que no que entendemos por música clásica ou da academia poderiamos ter maior visibilidade na sociedade, mais cada vez somos máis quen, coma min, colaboramos cos medios de comunicación e que sempre tivemos Galiza como eixo principal.

Tamén podemos gravar a nosa música para despois distribuír en redes sociais ou en diversos soportes. A Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica quizais teñen máis visibilidade e xa teñen o seu espazo ben definido, mais por exemplo a música de cámara aínda ten un percorrido por diante neste sentido. A Galiza ten que botarse ao mundo, aínda que, como digo, creo que xa temos un espazo grazas a contar cun ecosistema sólido. Podemos dicir que estamos recollendo os froitos. 

Comentarios