Contracultura

Alberto García: "A cultura fíase a un pobo, a un colectivo, polo hai que ter en conta a súa vertente social"

Alberto García é o coordinador do libro 'A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura', editado pola Deputación da Coruña e que segue as quince xornadas que a institución organizou baixo ese mesmo lema.
O técnico e dinamizador sociocultural Alberto García (Foto: Nós Diario)
photo_camera O técnico e dinamizador sociocultural Alberto García. (Foto: Nós Diario)

—Por que decidiron editar este libro?
Nace como unha consecuencia e tamén resumo dun proxecto, que xa está perto de facer seis anos, baixo o mesmo nome, A cultura é un dereito. Parécenos importantísimo reflexionar sobre as políticas culturais, entre outras cousas porque nestes seis anos houbo cambios moi significativos, de maneira que a nosa forma de concibir o que facemos non pode ser igual.

En primeiro lugar, a pandemia, mais tamén a irrupción da idea de sustentabilidade a través da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas, xunto con outros conceptos como igualdade ou accesibilidade e que non poden quedar atrás. Aliás, tamén irromperon os dereitos culturais, por exemplo coa aprobación en 2019 da lei que os garante en Nafarroa, así como recentemente nas Illas Canarias. 

—En que sentido se articulan estes dereitos culturais?
Esta é unha tendencia que vén para contrapor o pensamento único da xestión cultural desde a perspectiva económica, é dicir, entender a cultura como un recurso. De feito, toda a terminoloxía do noso oficio veuse empapada por palabras como industria cultural, produto cultural, turismo cultural... Termos económicos que queren dar a entender que a cultura ten que ser xeradora de produtos culturais que se poden mercar, consumir e vender. A cultura vai moito máis aló disto porque é algo que fía a un pobo, a un colectivo, polo que tamén hai que ter en conta a súa vertente social, que é moi potente. Asemade, a cultura é un dereito porque é o que está reflectido nas leis, desde o dereito internacional até o Estatuto galego, pasando pola Constitución española da que tanto se fala hoxe.

Precisamente nesta última está o artigo 44, que di que toda a cidadanía debe ter acceso á cultura e que o Estado ten a obriga de garantir ese acceso. Neste texto tamén se contempla que toda a cidadanía ten o dereito a participar en cultura. Hai moitos máis, por suposto, mais quero dicir que ten todo o sentido que sexa a Deputación quen impulse este proxecto porque ten toda unha serie de circuítos culturais en colaboración cos Concellos de toda a provincia, favorecendo unha programación extensiva que garante o acceso, así como a participación coa súa liña de subvencións para colectivos, asociacións, festivais, entidades públicas e privadas que teñen dereito tamén a facer cultura. Evidentemente non negamos que a cultura ten a súa vertente económica. 

Na Galiza hai 30.000 persoas vivindo dela, co cal tamén ten que haber un movemento económico considerábel. Agora ben, tamén hai que lembrar que ese desenvolvemento económico ten que vir dos poderes públicos porque é o que garante a súa visión como un dereito e porque así o estabelecen as diferentes lexislacións. Salvando as distancias, evidentemente, cando se ve a sanidade como un recurso é cando se privatiza, mentres que cando se ve como un dereito acábase fomentando unha sanidade accesíbel e gratuíta para todo o mundo. A cultura segue esta mesma lóxica. 

—Falaba das leis de dereitos culturais navarra e canaria. Que pasa coa Galiza?
Na actualidade hai un intento de desenvolver tamén a nosa propia lei, que como digo, non é aspirar a nada que non estea xa recoñecido. Con todo, tamén é certo que temos moita carencia de textos e de literatura sobre a xestión cultural.

90% dos textos que utilizamos sobre a cultura na Galiza veñen de fóra. Son textos moi valiosos evidentemente, mais non temos referencias propias. De aí tamén o interese de estar facendo un libro con información e profesionais do país con moita valía e que teñen unha vinculación moi forte co noso territorio. Desta maneira, este libro tamén permite xerar unha ferramenta de reflexión sobre a xestión cultural, sobre o punto de vista social dos elementos culturais, mais desde aquí, co noso propio punto de vista.

Comentarios