Alberte Ansede e a Casa-Museo Manuel María centran o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

A revista 'Can sen dono' e a cosmética galega tamén compoñen este número do semanario.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é Alberte Ansede e a súa dedicación á Casa-Museo Manuel María.

Nunha entrevista feita por Antón Escuredo, Ansede explica que “A Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (A Terra Chá) está de aniversario. Foi inaugurada o 7 de setembro de 2013 tras anos de duro traballo desde que xurdiu a idea de conservar e dar a coñecer todo o legado que deixou o escritor. Un dos principais artífices do proxecto foi Alberte Ansede Estraviz (Vilasantar, 1957). Amigo persoal da familia, é o actual presidente do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, cargo que ocupa desde o falecemento de Saleta Goi en 2022”.

‘Can sen dono’

Abre este número do Sermos unha reportaxe sobre os 40 anos da revista ‘Can sen Dono’ elaborada por Antón Mascato.

"En Can sen Dono admitimos todos os sectarismos",  ningunha outra frase explica mellor o que foi aquela experiencia da edición da primeira revista de humor posterior á guerra de 1936. O autor dela foi Xesús Chichi Campos, un dos principais colaboradores gráficos e literarios desta publicación da que se cumpre agora o corenta aniversario”, indica Mascato.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Olga Novo ofrece unha reflexión titulada ‘Diario dunha poeta recén casada’.

Cosmética galega

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Elvira Branco e titúlase ‘Cosmética galega’.

Branco explica que “a cosmética está de moda. Os vídeos de skin care routines que enchen as redes sociais dan boa conta diso, unha tendencia que colide cunha sociedade cada vez máis concienciada co natural, co ecolóxico e co vegano, dándolle un pulo ás empresas de produtos cosméticos que teñen a sostibilidade na base do seu existir. Sermos Galiza conversa con marcas cosméticas galegas en auxe, que demostran que vivir no e do rural, e lonxe do Eixo Atlántico, é posíbel.”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Estampas Galegas, de Berlai. Pola súa parte, Xaneco Tubío escribe un artigo titulado ‘Por que?’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Tartarugas Ninja: Caos mutante. “A "novidade" de Tartarugas Ninja: caos mutante (aínda que xa se intentou en Os irmáns Willoughby) consiste en que, por momentos, crea a falsa sensación de estar feita en stop motion”, indica Castro.

Sole Felloza ofrécenos un artigo na sección de Patrimonio Oral e Lázaro Armental outro na sección de Arquitectura.

Para alén diso, Pepe Barro escribe o artigo ‘A arte de escribir’ na sección de Deseño

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios