Alba de Groria, 70 anos despois e no Pico Sacro

“Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sagro”. Así se refereía Castelao ao monte de Boqueixón no seu célebre discurso Alba de Groria. Hai 70 anos que o pronunciou no Centro Galego de Bos Aires. A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura lembrouno este sábado.
 

pico sacro 2
photo_camera Ascensión ao Pico Sacro dos asistentes á lectura de 'Alba de Groria' este sábado 21 de xullo. Foto: cedida.

Ducias de persoas ascenderon ao Pico Sagro a partir das 12.00 da mañá. No seu pico, izaron a bandeira galega e leron o texto de Castelao en que, no “Día de Galiza” de 1948 invoca a “Santa Compaña de inmortaes galegos”: de San Pedro de Mezonzo a Rui Xordo, do Conde de Lemos a Manoel Antonio, de Rosalía de Castro a Concepción Arenal, de Xohán Airas a Emilia Pardo Bazán.

O Himno Galego puxo o ramo aos actos no cimo do monte. Unha visita ás covas da Raíña Lupa, guiada pola escritora Iolanda Aldrei, e a actuación musical de Bico Grande na capela do Pico Sacro precederon o xantar de confraternidade, en Santa Cruz de Ribadulla. Xa de tarde, os asistentes desprazáronse ao adro da igrexa de Berres onde realizaron unha ofrenda literaria nos enterramentos de Marcial e Avelina Valladares.

Comentarios