Xornada de Galiza Cultura

O Pico Sacro volverá acoller a leitura de "Alba de Gloria"

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura organiza máis un ano a leitura pública de “Alba de Gloria” desde o Pico Sacro. Terá lugar o sábado día 21 a partir das 12 horas.

Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro
Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro

Como cada ano, desde 2011, Galiza Cultura, da man da Asociación Cultural Vagalumes (A Estrada) e da Asociación Cultural O Galo (Santiago), un acto simbólico que abre as portas ao Día da Patria Galega coa leitura pública do discurso Alba de Gloria desde o Pico Sacro. Un acto que dará comezo ás 12 horas do sábado día 21 coa concentración na fonte roubada do Pico Sacro, onde terá lugar o recitado dun poema dedicado a este lugar tan simbólico a cargo do obradoiro de poesía da Asociación Veciñal da Agra do Orzán (A Coruña), entidade convidada a partir a lectura do discurso de Castelao.

Ás 12.15 horas a escritora Mercedes Queixas, colaboradora de Sermos Galiza, dará a benvida ás persoas participantes, que de seguido subirán o último treito do cumio do Pico Sacro. Prevese o izado da bandeira e a leitura de Alba de Gloria ás 12.45 horas. Tomarán a palabra a ecoloxista Elvira Cienfuegos; Belén Núñez Romero e o escritor David Otero, tamén colaborador deste medio. Será entón cando se desenvolva un dos momentos máis emotivos da xornada: a interpretación do Himno Nacional e, posteriormente, a baixada con visita ás covas da raíña Lupa. A escritora Iolanda Aldrei descubrirá as lendas e a historia do fermoso espazo.

Ás 14 horas actuará o grupo Bico do Mar no adro da capela do Pico Sacro e ás 15 horas terá lugar o xantar no restaurante Aldea Grande, en Santa Cruz de Ribadulla. A música voltará coa chegada da sobremesa.

Ás 17.30 horas está convocada a ofrenda literaria no adro da igrexa de Berres nos enterramentos de Avelina e Marcial Valladares. Continuará a xornada cunha visita guiada ao pazo de Vilancosta dos homenaxeados e rematará co recital poético no areal de Berres, á beira do Ulla.

Con este acto, Galiza Cultura recupera o espírito do discurso máis coñecido de Castelao, Alba de Gloria, pronunciado polo intelectual galego o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires. Un texto co que evocou a terra da que se tivera que exiliar. En 1924, o autor de Sempre en Galiza acudía en peregrinación até o Pico Sacro, cando a ditadura impedía celebrar a festa nacional. Castelao volveu imaxinariamente ao cumio co citado discurso de celebración do Día da Patria Galega, unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profundas. A federación voltará, así, sobre os pasos físicos e intelectuais do rianxeiro. Unha tradición que alumea un futuro mellor, unha "Alba de Gloria" para Galiza.

Comentarios