martes 22/09/20

"Agustín Fernández Paz foi unha persoa nobre, clara e de conviccións transparentes"

Conversamos con Eulalia Agrelo, autora da única tese doutoral sobre Agustín Fernández Paz. 

Eulalia Agrelo [Imaxe AELG]
Eulalia Agrelo [Imaxe AELG]

Emocionada. Así colle o teléfono Eulalia Agrelo, autora da tese doutoral Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz. "Foron moitas horas de traballo, de convivencia persoal", lembra. Durante a conversa véñenlle á cabeza "imaxes, recordos" do partillado co escritor mais tamén coa persoa. "É un día ben triste para todos, para quen o coñecía persoalmente como para quen o coñecía polas súas obras". O seu alumnado, pois Eulalia Agrelo é ensinante, "chamoume" para lembrar Agustín no día do seu pasamento. 

Tras do nome, da sinatura e da escrita había unha persoa "moi humana" e inmensamente comprometida coa lingua e co país. Un "mestre" como lembraron centos, milleiros de persoas no día de hoxe através das redes sociais. Mais por riba de todo, un autor que deixa un ronsel de obras para ler e reler. "Agustín facía lectores", asegura Eulalia Agrelo. Unha "meta", subliña, para calquera persoa que traballe a escrita. 

Agustín soubo traballar coas distintas fariñas literarias, facer collages con distintos tipos de texto

Como era o Agustín Fernández Paz escritor?
Para comprendelo temos que facer referencia a moitos elementos. Foi renovador en dous sentidos. Dunha banda, recuperou matices da literatura infantil e xuvenil e soubo darlles unha volta. Ao mesmo tempo, incorporou outros novos como o tratamento da marxinalidade ou a memoria histórica. Salientábel é o tratamento que facía das personaxes, sobre todo femininas, pondo as mulleres como protagonistas activas, que se rebelan e descobren como loitadoras defendendo o seu xeito de ser. Mulleres silenciadas no eido escolar mais tamén no conxunto da sociedade. Agustín soubo traballar coas distintas fariñas literarias, facer collages con distintos tipos de texto incorporando cartas, novas dos xornais ou mesmo anuncios por palabras. Un dos aspectos máis fascinantes da súa obra é que cando a les abre camiño a outras moitas obras e a coñecer o contexto sociocultural galego que está sempre no fondo dela. É un espello no que deberían verse moitos escritores. 

Ti pasaches moitas horas con el para faceres a tese, como era o Agustín no plano humano?
É unha persoa fascinante como o é a súa literatura. Unha persoa moi próxima que sabía escoitar e aconsellar sempre con espírito crítico e construtivo. Nos últimos anos mantivo unha crítica moi aceda cara á política lingüística do goberno galego. Era unha persoa moi humana que realmente cría e estivo comprometido con Galiza até o último momento. 

Nos últimos anos mantivo unha crítica moi aceda cara á política lingüística do goberno galego

De feito, rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras de 2010 como mostra de rexeitamento á política de Feijóo.
Desde os anos 70 cando entrou na escola traballou arreo pola normalización lingüística, tamén alén do ensino. Era unha persoa plenamente comprometida e levou ese compromiso ao extremo ao renunciar a toda loubanza que non tivese un compromiso real e certo coa lingua. Agustín foi unha persoa nobre, clara e de conviccións transparentes. 

Nese senso, lonxe de crer que o galego fecha portas a súa obra obtivo o recoñecemento internacional e foi traducida para numerosas outras linguas.
En Galiza está recoñecido como autor dunha obra moi ampla, mais a súa proxección cara ao exterior foi mesmo maior. Os premios e traducións derivaron en que a súa obra fose lida por un público diverso, tamén adulto. Sempre dicía que desde Galiza e en galego podes ser universal e desde Nova Iorque absolutamente provinciano. Foi premiado polo lectorado de Catalunya e el sempre sentiu moito o aplauso que procedía do lectorado directamente. Como investigadora, en moitos e diversos espazos nos que mantiven encontros sempre que preguntas por unha persoa relevante da literatura galega din Rosalía de Castro mais cando preguntas por unha obra din Agustín Fernández Paz.

Sempre dicía que desde Galiza e en galego podes ser universal e desde Nova Iorque absolutamente provinciano

É o autor máis vendido e probabelmente o autor con maior proxección fóra de Galiza. Coido que, para alén das interpretacións que poidamos facer agora, a valorización real e ampla da súa obra aínda está por facer. Traballo actualmente nun centro penitenciario onde teño un clube de leitura. Ao comezo non querían ler en galego, só en castelán. Fixen unha escolla de obras, entre elas levei Cartas de inverno. Despois de o ler límolas todas. Pedían máis de Agustín Fernández Paz porque Agustín facía lectores. 

Cartas de inverno marcou toda unha xeración, mesmo poderíamos dicir varias.
Teño lido que cando llo entregou a [Manuel] Bragado, rematou de lela do tirón, en dúas horas, e díxolle: 'isto vai para adiante'. E hoxe é a máis vendida da súa obra. Alén do valor literario que ten recolle moitas das chaves da literatura de Agustín das que falaba ao comezo. 

Hoxe foron moitas as voces que se ergueron para amosar o seu pesar polo falecemento e para o lembrar, non só institucionais ou do mundo da cultura, tamén persoas anónimas, leitoras, através das redes sociais. Que memoria deixa Agustín Fernández Paz?
É tan difícil responder a iso agora... mais coido que a forza da súa escrita. As súas son historias cargadas de forza que impulsa o lector a continuar. De xeito sinxelo remata por te engaiolar. Convence. O poder sedutor da súa escrita é enorme. Son as chaves fundamentais dun escritor que tivo a capacidade mesiánica para falar daquilo sobre o que aínda non se falara como en Fantasmas da luz e O meu nome é Skywalker nas que fala da marxinalidade, das persoas desempregadas, das sen teito. Persoas que se tornaran invisíbeis para a sociedade porque deixaran de cumprir un papel nela. E fíxoo antes de que estourase a crise, nos anos previos. Agustín soubo facernos ver como podíamos caer nunha sociedade deshumanizada. Crea nesas dúas obras dúas metáforas preciosas, poderosas tamén polo poder de suxestión da súa escrita. Malia todo, Agustín sempre deixa unha porta aberta á esperanza pois as personaxes son quen de superar as problemáticas. Agustín é incríbel nos finais, sempre abertos, nos que procura a complicidade do leitor tornándoo activo por ter que engarzar distintos elos que el como escritor vai deixando ao longo das páxinas. É quen ten que pór o ramo e pechar esas historias. É aí onde nos podemos atopar con Agustín. 

O poder sedutor da súa escrita é enorme

Era un escritor incansábel?
Nunca atopaba a perfección na súa obra. Estaba sempre a reconstruíla a re-escribila. Sempre que re-editou aproveitou para mellorala e lograr unha mellor escrita, unha prosa máis lixeira, máis melódica coa que acadar a vontade do leitor. Cando un le a Agustín desenvolve a capacidade de ulir, de ouvir e de tocar o que está a narrar. É unha prosa sedutora. De aí que teña unha lexión de leitores e acadase o recoñecemento através dos premios e as traducións. Mais para el os premios, dicía, eran bons por suporen un impulso para a nosa literatura e dar visibilidade e valorización á nosa cultura. Agustín foi, sen dúbida, un motor cultural por facer leitores e por facer país. 

E fíxoo nun xénero como o infantil e xuvenil, moitas veces minusvalorado.
Sempre estivo comprometido coa visibilización da literatura infantil e xuvenil cando este xénero estivo moi desprestixiado. Ora ben, sempre dicía que as súas obras poden ser lidas por calquera lector porque tiñan distintas lecturas. 

"Agustín Fernández Paz foi unha persoa nobre, clara e de conviccións transparentes"
comentarios