AELG rexeita participar no Plan Cultural para a reactivación do sector

A asociación fai un chamamento a que se manteñan os proxectos literarios e culturais.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Homenaxe feita pola AELG a Eusebio Lorenzo Baleirón en 2012 (AELG)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, non participará do Plan Cultural para a reactivación do sector após a pandemia da COVID-19 que vén de publicar a Consellaría de Cultura.

Así o manifesta a asociación a través dun comunicado no que explican que este posicionamento “emana do convencemento de que estamos ante un plan que non vai redundar en beneficio da cultura galega, nomeadamente da súa literatura e, moi especialmente, das creadoras e creadores en lingua galega”.

AELG indica que non partilla as “liñas estratéxicas” deste plan, pois pivotan sobre “o turismo xacobeo”

“Como entidade que representa, asesora e defende ás escritoras e escritores galegos, manifestamos o noso estupor ante un plan que, de facto, expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra, ao ser unha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua, descoñecendo a diversidade das tipoloxías de proxectos, os dereitos concretos e o seu corre cto desenvolvemento”.

Por outro lado, a AELG lembra que só foi convidada á presentación deste plan “xa fechado e publicitado antes da súa presentación ás entidades e persoas ás que presumibelmente se dirixe”. Un plan que, “ aínda por riba, non pon o seu corazón na lingua galega e unha vez máis acode ao plurilingüísimo cando o que precisamos é moito mais galego, moita mais promoción da nosa lingua”. AELG reclama “políticas que teñan en conta as persoas, potenciando realmente o tecido cultural, que estean dirixidas ás creadoras e creadores”.

Nesta tesitura, indican, a asoiación fai un chamamento a todas as institucións, con independencia do seu ámbito territorial ou de responsabilidades públicas, para que manteñan os orzamentos destinados á cultura e, dentro dela, á creación literaria”.

Premios literarios

AELG tamén quer mostrar a súa “preocupación” pola situación dos premios literarios nesta crise, moitos deles adiados ou suspendidos. Lembra AELG que os premios son una gran ferramenta de normalización do galego, para alén de moitos deles ser una porta para a publicación, así como unha ferramenta de visibilización das nosas autoras e autores.

Comentarios