Achan un xacemento arqueolóxico sen catalogar a carón de Negreira

A riqueza histórica e patrimonial da Galiza esta fóra de toda dúbida, até o punto de que aínda a día de hoxe continúan a descubrirse restos do noso pasado. En Negreira, o profesor Manuel Gago -en colaboración coa Asociación Cultural Afonso Eanes- protagonizou unha expedición que serviu para comprobar a existencia dunha mámoa sen catalogar por Patrimonio e "totalmente esquecida" até o de agora.

(Foto: AC Afonso Eanes)
photo_camera Á expedición, na área onde podería estar situada a histórica aldea dos Concheiros da que fala a lenda. (Foto: AC Afonso Eanes)

A principios do pasado mes de xuño, o polifacético Manuel Gago -escritor, xornalista, profesor e, entre outras cousas, membro do colectivo de investigación Roman Army, que estuda a presenza do exército romano no noroeste peninsular- atopábase indagando sobre un campamento romano nas proximidades do territorio do concello de Negreira a través de novos métodos dixitais cando algo chamou a súa atención.

Reparou en que nos arredores da vila de Negreira, nada máis cruzar a ponte do Barcala, había unha mámoa "espectacular". "E, non sei por que, pero tiven a impresión de que non estaba catalogada. Comprobeino e, efectivamente, a documentación  da Xunta non recollía ese túmulo megalítico de grandes dimensións, a pesar de estar tan preto do casco urbano de Negreira e practicamente o lado de onde está o antigo Camiño de Santiago", explica Manuel Gago a Nós Diario.

"A mámoa -amplía Gago-, situada a carón do camiño antigo, parecía indicarnos que antes do actual camiño, se cadra nas primeiras décadas do século XX, había outro ancestral. Durante miles de anos, o río parecía ter pasado polo mesmo lugar, hoxe esquecido".

Por iso, decidiuse a contactar con Xosé Amancio Liñares Giraut, historiador e profesor no instituto de Negreira, membro da asociación cultural Afonso Eanes e gran coñecedor da xeografía e a historia da zona, incluídas as "narrativas orais" existentes sobre este espazo.

Liñares Giraut lembrou que, no seu libro de 1988 Xulián Magariños Negreira, un home da época Nós (1904-1934) recollía un texto do escritor e avogado galeguista no que transcribía unha historia inédita de tradición oral, "escrita nos finais da década de 1920 ou primeiros anos de 1930".  

Era a lenda da aldea de Concheiros, que a principios do século XX era unha humilde localidade de só "tres ou catro casas" próxima á estrada. Nese lugar cometeuse un crime que acabaría coa aldea: "Unha muller e mais o seu amante mataran o marido e soterrárano baixo a eira. Aínda que se sospeitaba deles, non había probas. Até que un día o amante, bébedo, pasou por riba do enterramento do asasinado e pisou forte por riba del, berrando 'Non rexurdiches máis!'. Os berros foron escoitados por un camiñante que foi dar aviso ás autoridades. Ao escavaren na eira, puideron confirmar o crime, confiscaron os bens e a aldea, abatida pola lenda negra, rematou por desaparecer". 

Equipo de investigación sobre o terreo

Con estes datos, a pasada terza feira 30 de xuño, Manuel Gago e distintos membros da Asociación Cultural Afonso Eanes protagonizaron unha expedición sobre o terreo, para visitar a zona e ver cos seus propios ollos as estruturas que lles indicaba o modelo dixital.

"E velaí estaba a mámoa da Agra da Chanceira -revela Manuel Gago no seu blog-, cunhas notábeis dimensións e presentando un gran cono de violación, pero aínda así cunha importante parte da coiraza aparentemente intacta. 

O experto engade que "cando sobes desde o río Barcala, o túmulo aparécese de maneira espectacular sobre o camiño", e baralla a idea de que esta mámoa "marcase o paso sobre o río Barcala, que logo xustificou a construción do castro de Vilachán e mesmo da fortaleza medieval anterior ao Pazo do Cotón", pois Negreira era "un nó de comunicacións no mundo antigo e medieval".

Loxicamente, o equipo achegouse até o lugar indicado na cartografía como "Concheiros", atopando alí unha serie de antigas estruturas que, como recoñece Gago a Nós Diario, "non se pode confirmar que correspondan de todo con esa aldea".

Para o profesor da Universidade de Santiago resulta "evidente" que alí había "restos dun antigo esforzo humano a través dunha pequena aldea desaparecida". "É a aldea dos Concheiros? Aínda que a cartografía a sitúa alí, a tradición oral recollida por Magariños -e tamén por Xosé Antonio Romarís, un activista cultural senior que o acompañou e el e ao resto do equipo da Asociación Cultural Afonso Eanes na expedición- fala doutro espazo a carón da estrada, máis ao norte, onde tamén se aprecian numerosos socalcos e que pode ser tamén un bo candidato na aldea", apunta.

Cuestionado por se pode haber moitos máis restos arqueolóxicos sen catalogar como este ao longo e ancho do país, Manuel Gago responde rotundo: "Moitísimos, especialmente mámoas, que só se descobren cando se limpa a vexetación que as tapa, polo motivo que sexa".

Precisamente a conservación desta mámoa do Agro da Chanceira podería estar en perigo se a Xunta da Galiza non axiliza os trámites para a súa catalogación por parte do departamento de Patrimonio, pois atópase no medio dunha explotación forestal e, como revela Manuel Gago, "se se producise unha tala, a mámoa sufriría unha agresión bastante importante". 

Comentarios