Aberto o prazo de inscrición da sétima edición dos Premios Youtubeiras: como podo participar?

Os galardóns repartirán até 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o premio do público.
Presentación da sétima edición dos Premios 'Youtubeiras' en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da sétima edición dos Premios 'Youtubeiras' en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O prazo de inscrición da sétima edición dos Premios Youtubeiras, que este ano teñen como lema 'Rede aberta, Rede diversa', quedou aberto esta quinta feira. Os galardóns repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o premio do público. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e mais das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nesta ocasión, o Concello de Pontevedra foi o encargado de acoller esta quinta feira a presentación desta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a creación en galego en YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na internet.

A participación neste proxecto increméntase cada ano, do mesmo modo que a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico, salientaron nunha presentación na que se insistiu especialmente en que Youtubeiras "non se reduce aos premios", senón que é "un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa", en referencia aos obradoiros que o proxecto desenvolverá nos centros de ensino dos concellos implicados.

Neste senso, Youtubeiras tamén pon en marcha o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para promocionar o traballo destes "Youtubeiros" de gran repercusión en lingua galega. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das encargadas de achegar ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadores de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

Categorías

As categorías dos premios Youtubeiras este ano volven ser: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1.000 euros, excepto o último, ao que se destinan 500 euros.

Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior a 15 de novembro do 2022. O prazo de presentación manterase aberto até o próximo 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal.

Comentarios