A Rosalía da patria e a xustiza social festéxase en Bonaval

Os versos e o pensamento de Rosalía baten forte para demandar dereitos sociais e nacionais. Os seus poemas convertéronse de novo na voz poderosa que se pon á beira de quen sofre e contra quen detén o poder. O Día de Rosalía festexouse con forza reivindicativa na homenaxe que a AELG lle dedicou no Panteón de Galeg@s Ilustres.
Ofrenda a Rosalía
photo_camera Ofrenda a Rosalía

Os poemas de Rosalía vibraron na Igrexa de San Domingos de Bonaval, o lugar que cada ano a AELG visita para honrar á escritora, soterrada no Panteón de Galeg@s Ilustres. Desde “Non che teño medo moucho” até “Quen non xime”, os versos de Rosalía tornaron a súa propia homenaxe nun acto no que a xustiza social e o dereito a un futuro digno foron protagonistas. Aconteceu da man das escritoras Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro que leron poemas nun recital no que quedaba á vista o compromiso da escritora co país e as persoas desfavorecidas.

“Escribir é actuar contra o medo” comezou Marilar Aleixandre. “A obra de Rosalía trasluce o seu compromiso coa realidade” dixo o presidente da AELG no inicio do acto e agradeceulle que teña aberto as portas ao “campo inmenso da literatura e a cultura galega. Nunha Igrexa de San Domingos de Bonaval no que o frío aterecía ás máis de dúascentas persoas asistentes, Cesáreo Sánchez reivindicou portas abertas para honrar á escritora diante do “secuestro” dun espazo pechado ao que só se pode acceder, baixo autorización do arcebispado. “Triste situación da nosa poeta nacional que agardamos mudar de hoxe no futuro” lamentou Cesáreo Sánchez quen fixo votos para que nalgún momento a porta principal estea aberta e non sexa preciso empregar, nun acto de homenaxe a unha das figuras máis relevantes da nosa historia, a porta lateral.

Rosalía nas colas do paro

Cesáreo Sánchez e Rexina Vega leron o manifesto da AELG para a conmemoración no que afondaban na forza reivindicativa da escritora. “Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio” recollíase no escrito.

“Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe” defende a AELG no documento que se leu íntegro en Bonaval mais tamén na morea de actos que na víspera se desenvolveron polo país enteiro. Tamén dela recollen a forza para “axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna”.

Fundadora da nosa literatura contemporánea, a única que ten unha muller no seu cúmio orixinario, deixou pegada nas xeracións que a sucederon, de maneira especial, nas voces femininas que tamén protagonizaron o acto de aniversario en Bonaval. “A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro” dixo Xina Vega.

Reivindicar tamén co Rosalía a normalidade para lingua a través dos seus versos: “soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”. A ofrenda floral co himno galego puxeron fin ao acto antes de que o Panteón de Galeg@s Ilustres botara de novo o fecho.

Centos de gaitas nunha alborada conmemorativa

Desde primeira hora da mañá, o día amenceu con centos de gaitas a tocar a “Alborada” polo país enteiro nunha acción expansiva na que a Asociación de Gaiteiros Galegos participou de maneira activa e que, segundo destacan, chegou a todos os concellos galegos.

Na Praza de Vigo, ás dez da mañá, a Fundación Rosalía xunto coa Academia Galega e a Universidade de Vigo desenvolvían o primeiro dos actos institucionais coa presenza do Alcalde de Santiago, Ángel Currás. A alborada soou tamén diante do monumento a Rosalía, ben perto do lugar onde se localiza o espazo no que naceu. A media mañá, a Casa da Matanza, sede da Fundación, abriuse para acoller o acto central no que estiveron ademais presentes o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García ademáis dos responsábeis máximos das tres entidades organizadoras, Anxo Angueira, Xosé Luís Méndez Ferrín e o vicerrector de Vigo Henrique Costas ademais de representantes de distintas entidades e asociacións.

.