O día 17 de xaneiro é un día de conmemoración para a música galega. Esta data será para sempre recordada polo nacemento de José Castro González, máis coñecido como ‘Chané’, do que se cumpren 161 anos. O santiagués será sempre lembrado pola súa arte coa guitarra e a cítara, o que o levou, entre outros proxectos, a ser director do Orfeón coruñés ou da Coral Polifónica El Eco.
O Ateneo de Santiago rememorará a unha das figuras musicais de Galiza para conmemorar o centenario da súa morte na Habana, que tivo lugar o 27 de xaneiro de 1917. Para iso, a asociación ten preparado un concerto no Paraninfo da Facultade de Historia da USC para o segunda feira 30 de xaneiro ás 20 horas.
Nese evento dedicado a Chané, no que participarán a mezzosoprano Iria Cuevas e o pianista Alejo Amoedo xunto ao coro do Ateneo, poderanse escoitar tres textos de Curros Enríquez musicados polo autor. Na cita soarán ‘Os teus ollos’, ‘Cantiga’ e ‘Un adiós á Mariquiña’. Tamén serán interpretadas tres pezas do compositor e instrumentista lucense Juan Montes baseadas en ‘Lonxe d’a terriña’ de Aureliano J. Pereira, ‘Doce sono’ e ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro.
Segundo o Ateneo, José Castro ‘Chané’ foi o terceiro membro da grande triada de músicos emblemáticos da Galiza exterior e interior, xunto a Juan Montes e Pascual Veiga.
Segundo o Ateneo, José Castro ‘Chané’ (Santiago, 1856 - La Habana 1917) foi o terceiro membro da grande triada de músicos emblemáticos da Galiza exterior e interior, xunto a Juan Montes e Pascual Veiga. ‘Chané’ foi fundamental nos círculos ferrolanos e composteláns, e recordado como profesor de guitarra e director da orquestra de pulso e púa, compoñendo pezas propias. Sería tamén experto e mandolina e mandurria, ingresando na banda do Regimiento de Artillería da Coruña, onde xunto a Bernardo Noriega completa a súa formación musical.
Dirixiría orfeóns como o da Coruña ou El Eco, grupo de referencia obtendo recoñecementos en Barcelona, Madrid ou París. Marcharía á Habana no 1893, reclamado polo Centro Galego, onde se encargará do coro Ecos de Galicia. Alí sería secretario do propio Centro e da Sociedad Protectora de la Academia Gallega. Non conseguiría volver a Galiza, xa que finou na Habana o 27 de xaneiro de 1917. Os seus restos descansan na Coruña.
O Centro Galego da Habana decidiu custear o transporte dos seus restos mortais a Galiza, a onde chega, o 4 de marzo de 1917, acompañado por Fontenla Leal. Ao día seguinte, José Castro González recibe sepultura con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro. Aquí poden consultar a crónica do seu enterro no Boletín da Real Academia Galega, e aquí a noticia que dá Antón Villar Ponte deste mesmo suceso e outros, n´A Nosa Terra.