"En 'Atlántico' vese a fascinación polo novo por un lado, e unha reivindicación do que é meu por outro"

Conversamos co cantor coruñes Xoel López ao redor da publicación do seu último traballo discográfico

photo_camera [Imaxe: Sara Acevedo]


Xoel López non para. Dende que volveu do seu retiro de catro anos en Bos Aires e trouxo o seu último disco abaixo do brazo leva facendo concertos sen descansar.  

Coñecido antigamente artisticamente como Deluxe, o coruñés elixe o seu nome de pila para seu disco e dálle unha volta a súa música mesturando ritmos latinoamericanos, galegos, españois, e todo o que encontra.

Leva máis dun ano presentando o disco sen parar, e aínda vai seguir máis tempo. Por sorte, fai un buratiño na súa axenda e responde unhas preguntas para Sermos Galiza.

Como diría que recibiu o público o disco?

Ben, habería que preguntalo ao público pero a miña sensación é moi boa..É verdade que era un paso importante porque había un cambio de nome,de idea artística e de estilo, e era todo un reto, mais creo que a xente o recibiu moi ben. Tamén teño a sorte eu creo, e con este disco decateime máis aínda, de que o meu público evolucionou comigo no sentido de estar aberto a calquera cousa. Eu sinto que o meu público nese sentido é tan aberto como podo ser eu. É un público que viu varios cambios, que xa segue unha evolución, e quen me segue hai varios anos xa está afeito a que haxa pequenos cambios ao longo destes anos, e mesmo creo que xa até espera iso de min. Pero ben, esas son as miñas sensacións, en realidade iso sábeo cada un, non?

Por que decidiu cambiar o seu nome artístico?

É difícil de responder, non teño unha resposta clara porque en realidade me decatei que foron moitas pequenas cousas. Por un lado quizais ten que ver coa idea de quitar esa última careta, por dicilo así, e dicir este “son eu”. Xa había tempo que viña pensando nisto, pero cando estás no vórtice, estás a sacar un disco por ano, pois necesitas tomarte un tempo e en frío tomar as decisións. No meu caso foi así. Eu parei, deixei Deluxe, e cando empecei a tocar en América máis tranquilo, máis relaxado, tiven que decidir son Xoel ou Deluxe, e decidino. Xa está, son Xoel López.

E que pasou nesa viaxe a América? Que descubriu? Ou redescubriu...

Son moitas cousas. Por un lado, eu xa coñecía a América en xeral, especialmente Latinoamérica porque os meus pais viviran entre Galiza, República Dominicana e Santo Domingo case vinte e dous anos, e eu xa visitara o Caribe, estivera en Arxentina, Uruguai, Chile... E bon, xa tiña un principio de relación, era un lugar onde me sentía moi a gusto e sempre tiña ganas de volver. E no momento en que eu decido tomar un tempo, descansar, e empezar unha nova etapa, no primeiro que penso é en Sudamérica. 

En realidade estiven dous meses en Bos Aires e despois dous meses en Nova York, pero finalmente volvo a Bos Aires e convértese na miña cidade até a data. Aínda vivo oficialmente alí, teño DNI arxentino, e xa son catro anos, coñezo moita xente e hai un vínculo moi especial. Iso evidentemente nótase no disco. Eu son permeábel ao que me rodea e a miña música depende das miñas circunstancias, do que estou a ver e escoitando. Pero máis alá de todas as influencias de Latinoamérica, eu creo que tamén un factor moi importante é o descanso que eu encontro alá. Deixei unha etapa moito máis acelerada con Deluxe, coas súas cousas boas evidentes, para viver outra etapa moito máis tranquila en Sudamérica.

Nótanse as influencias latinoamericanas, mais tamén se notan as xúas raíces, ¿non? Parece que xa non soa tan británico.

Estou completamente de acordo. Cando te vas, evidentemente fascínanche as cousas novas, a xente que toca, novos sons, percusións... Mais, á vez, cando un leva tempo lonxe da súa casa habitual ou da súa cidade natal, sente unha especia de desarraigamento que leva a sentir máis o lugar de onde un é...E creo que en Atlántico vese a fascinación polo novo por un lado, e unha reivindicación do que é meu por outro. E creo que aí sae o máis galego e o máis español mesturado co máis latinoamericano, mentres que o anglosaxón quedou máis de lado. Aínda que sempre seguirá aí porque na miña música é básico, pero ás veces o corpo che pide un cambio por cuestión de refrescarte.

Un tema que elixa do disco?

É que é moi difícil elixir una... Está claro que Terra é unha canción moi especial, foi a primeira que tivo unha repercusión e nós ao sacala previamente xa lle demos unha importancia, pero creo que é un tema que resume bastante ben a sensación que tiven eu estes anos, esa serenidade, tempo para a reflexión. Hai un punto como que flotase o tema que creo que describe moi ben a sensación que tiven. Así que che diría que Terra, xa que me obrigas a elixir unha... (risas)

Que agarda do futuro?

Pois xa me gustaría sabelo... Pódoche dicir que xa teño temas, que xa estou a pensar nun segundo disco co meu nome, e que estou con ganas. Acabo de chegar de alá e agora teño a miña xira de verán, pero a miña idea xa é poñerme. De feito esta mañá no local de ensaio ensineille aos rapaces un tema novo e estivemos a probalo, e todo un pouco coa intención xa de empezar a traballar os temas novos. E seguir presentando Atlántico tanto aquí como en América, claro.

Comentarios