#Sermos135: Galiza debate cun Estado xordo

Neste número falamos do Debate do Estado, entrevistamos Stop-Despexos Compostela e o adestrador galego da selección angolana de basket, analizamos ‘50 sombras de Grey,’ violencia e amor romántico... Todo isto e moito máis neste número, xa na loxa.

unnamed

Número 135 de Sermos Galiza xa nos quioscos e na loxa e co Debate do Estado como Tema da Semana. Un debate no que perante os problemas e necesidades de Galiza o presidente español non sabe / non contesta. Un artigo de Xosé Mexuto, director, completa esta información.

Falamos con María Díaz, voceira de Stop-Despexos Compostela:"Algúns bancos xa frean despexos cando as persoas afectadas están dispostas a loitar", afirma. E neste número entrevistamos a nai dun alumno de Ferrol que este curso fora seleccionado pola equipa de orientación do centro para recibir as clases de apoio do PROA. A negativa da Consellaría privará o seu fillo de se beneficiar do programa. Fátima García, denuncia que “están condenando os nosos fillos desde cativos".

‘Violencia e amor romántico’

En ‘50 sombras de Grey, violencia e amor romántico’ debullamos como a triloxía de E.L James combina amor e sexo nunha produción marcada pola violencia machista que non se arreda do ideal das clásicas comedias románticas.

En Tecnoloxía coñecemos a Barcelona que volta ser capital mundial do móbil. O foco da edición 2015 do Mobile World Congress vai estar na chamada ‘Internet das cousas’, a conexión de todo tipo de obxectos cotiás á rede.

“Adestrar a selección de Angola é un reto que me apetecía xa hai tempo “

Moncho López, adestrador galego de baloncesto, fálanos da súa nova etapa á fronte do combinado nacional de Angola. “Estou moi contento. Adestrar a selección de Angola é un reto que hai tempo me estimulaba”.

En ‘Un Celta eufórico; un Dépor outra vez no arame’ debullamos como a vitoria celeste en Riazor devolve á afección viguesa a ilusión europea cun equipo onde volve lucir o porteiro Sergio e a dianteira. Polo contrario, malia confirmar a súa melloría no xogo, o Deportivo teme verse arrastrado de novo á perigosa loita nos últimos postos da táboa.

Gonzalo Gómez e Aporrea.org

Gonzálo Gómez é o director do diario dixital Aporrea.org de Venezuela. "Os problemas de Venezuela non son culpa da revolución, senón de non ter profundado máis nela", afirma. En Viaxes na Miña Terra o colectivo Xea lévanos de subida ao San Mamede desde Rebordechao, no sur de Ourense.

Na sección de textos publicamos un adianto editorial de ‘Funambulistas’, o primeiro libro de narrativa de Mercedes Leobalde. Entrevistamos esta escritora, gañadora do premio Ánxel e Fole e do Illas Sisargas de poesía.

Na contra-capa Xaime Varela, profesor de galego e dinamizador cultural en Londres, cóntanos como na capital británica “os rapaces achéganse ao galego sen prexuízos”. Unha máis que interesante entrevista na que Varela afirma que “Londres é unha cidade tan multicultural que precisamente esa multiculturalidade é a que che axuda a apreciar o valor da diferenza e isto moitos pais sábeno. Saben que ser diferente en Londres é un valor. Aqui saben perfectamente que 'Quen sabe galego sabe máis.' Igual que saben que quen sabe indi sabe máis ou que quen sabe farsi sabe máis”.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios