#sermos131: Feijóo continúa baixo sospeita

Que pasou verdadeiramente en Grecia, como Londres tira proveito da emigración de moz@s galeg@s, entrevistas a Victor Sampedro e Miguel Mato... e moito máis neste número do semanario. Podes mercalo na nosa loxa.

capa

Máis un número saído do forno e completiño de información. No Tema da Semana falamos dun PPdeG sitiado pola corrupción. A etapa de de Núñez Feijóo na Xunta comezou (2009) após unha campaña electoral na que tomaron parte empresas vencelladas á Gürtel. Desde entón e até agora afloraron ducias de causas e tramas que teñen o PP como protagonista. Falamos delas neste número. O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, achega a súa opinión en ‘Feijóo ou poñer o raposo a coidar o galiñeiro’.

Mais tamén analizamos a parálise que define o momento que atravesa a enerxía eólica en Galiza, ou ben falamos das novas razóns que abrollan e xustifican botar a ENCE da Ría de Pontevedra. Na reportaxe ‘De costas aos propietarios’ informamos de como a Xunta presenta un plan de usos para o parque natural das Fragas do Eume que non inclúe compensacións.

Emigración e mocidade

Máis de 174.000 persoas abonaron Galiza nestes cinco anos. Damos a palabra a algunhas desas mozas que eixaron o país para emigrar ao estranxeiro. Unha realidade que bate teimosa contra a propaganda da ‘Galicia no país das marabillas’ do goberno Feijóo.

Na sección de ‘Tecnoloxía’ achegámonos a TEDxGalicia, “ideas para mudar o mundo e o país desde Carballo”; e en Economía falamos da ‘aspirina do billón de euros’ de Draghi e o BCE coa compra masiva de débeda.

Mais o Sermos non se esgota aquí. Intentamos entender que foi o que aconteceu coa morte de Nisman en ‘O Thriller arxentino’ ou como en Grecia as urnas abriron posibilidades de cambios a e políticas a contra gosto das elites.

Non falta neste número a sección ‘Viaxes na Miña Terra’, coa que nesta vez percorrermos Ourense e as súas múltiples posibilidades de goce para todas as idades e gostos.

“A miña xeración está formada por anxos da derrota”

Entrevistamos o escritor Miguel Mato Fondo, do que publicamos un adianto do seu libro ‘Terra Fría’, poemario que sairá do prelo en febreiro da man da editorial Caldeirón.

En ‘Lembranza do último fuxido’ falamos de como o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra homenaxean Pancho Martínez Leira no 60º cabodano do seu asasinato.

E entrevistamos a Victor Sampedro, autor de ‘O cuarto poder na rede’: "Internet supón un cambio semellante ao que foi a imprenta".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios