#sermos128: O 2015, o ano do duplo combate electoral

Primeiro semanario do ano vén completiño. Falamos da loita d@s doentes de Hepapite C, das citas coas urnas, entrevistamos a Marcos Maceira... Isto e moito máis, xa na nosa loxa. 

capa_SG128

O primeiro número do Sermos Galiza do 2015 listo para os quioscos! O Tema da Semana é o 2015 como ano do duplo combate electoral. Rodri Suárez debulla un 2015 chave para o modelo saído da Transición, que se xoga a súa supervivencia. As eleccións municipais en maio e as xerais arredor de novembro son citas fixas nun calendario que pode ficar marcado por unhas posíbeis plebiscitarias catalás no primeiro trimestre. En todos os casos, Galiza terá que marcar posición. Nun artigo que acompaña esta reportaxe, Antón Losada - ‘O derradeiro ano da política galega’- verque varias reflexións. Eis unha: “Unha forza pode colocarse como a segunda do país sen dicir unha soa palabra sobre Galicia”.

Entrevistamos a Rubén Cela, portavoz do BNG e Compostela e que ten aberto un expediente sancionador e en paralelo unha vía penal a raíz da mobilización popular contra a visita de Merkel. “"Nin multas, nin porrazos nin vías penais van frear o BNG", afirma.

Hepapite C

Doentes de hepatite C loitan polo dereito a se curaren’. Falamos de como Sanidade nega o novo tratamento a milleiros de persoas atinxidas polo virus do VHC embora contar con taxas de curación entre o 90% e o 95%. Damos a palabra a doentes que denuncian a situación: “"Hai xente que está a morrer cando podería curarse en 3 meses".

En ‘Astano: contratos “placebo” para enmascarar o de sempre’ escribimos sobre como os xestores do grupo naval non foron quen de preparar Navantia Fene para tirar proveito da fin do veto.

‘Colapsos e folgas marcan a polémica reforma sanitaria da Xunta en Vigo’. Aumenta a tensión entre o persoal a falta de meses para a apertura do novo hospital público-privado, que provocará o desmantelamento dos demais centros da cidade.

Deporte deturpado

Un bo feixe de clubes galegos manteñen as formas toponímicas deturpadas. Falamos diso en ‘Normalizar o fútbol, recuperar a memoria’. Camiñamos polas Fragas do Eume en Viaxes na Miña Terra.

Máis unha entrevista neste número. A Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística: “"Este é un bon momento para comprometerse coa causa da lingua galega".

Tamén entrevistamos a Carlos Hernando, cineasta, autor do documentario El Informe Segura. “O mellor do cinema documental é a oportunidade de coñecer xente extraordinaria”. Con esta afirmación xustifica o cineasta madrileño a decisión de levar á gran pantalla a dramática historia de Luis Gonzalo Segura, o tenente do Exército español encarcerado por referir nunha novela episodios de corrupción e abusos de poder nas Forzas Armadas. “El informe Segura”, o primeiro documentario de Hernando, opta a varios premios Goya.

E máis entrevistas: a Marcos Gañete, representante da GAA para a Península Ibérica, co que parolamos sobre o fútbol gaélico en Galiza. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios