ESTA SEMANA SAIMOS CON 48 PÁXINAS

#sermos120: o conseguidor e a cúpula do PP

Un Feijóo acurralado polas sombras da corrupción, a carta de despedida de Begoña Caamaño, ou onde van as 500 vivendas sociais dea Xunta son algúns dos temas neste semanario, no que estreamos o novo suplemento Somos Galego. Xa á venda na loxa.

Capa

O presidente da Xunta mantivo unha estreita amizade cun dos cabecillas da 'Operación Zeta'. Pachi Lucas, o 'conseguidor'. Unha relación plasmada nunha foto de Lucas coa plana maior do PP nas touradas en Pontevedra. Non é a primeira foto que enturbia o mandato de Núñez Feijóo, só hai que lembrar a do iate con Marcial Dorado. De todo isto falamos neste Sermos Galiza nº120.

BNG e CIG comparten axenda contra a ofensiva do PP. O sindicato e a fronte política asumen a necesidade dunha visión galega e unen forzas para facer fronte a unhas reformas que cualifican de “involucionistas” e unha “perda de dereitos sociais e cívicos para o conxunto da poboación”.

Tamén neste número entevistamos o voceiro da Coordenadora Nacional de Emigrantes Retornados, Xosé Lois Leirós: “Feijóo non merece ser presidente dunha xente tan digna como os emigrantes".

Despexos

No Tema da Semana falamos de como aumentan os despexos mentres pouco se sabe das vivendas públicas. A Xunta adxudicou só 37 das 500 moradas dispoñibilizadas en 2012 para desafiuzad@s. Unha reportaxe reforzada cun artigo de Héctor Tejón.

As eleccións en Brasil e Uruguai tamén son tratadas neste número, así como os orzamentos da Xunta ou como os atrasos salariais de Linorsa poden desembocar nunha folga na Coruña. Na sección de Viaxes na Miña Terra percorremos Rao, quizás a máis grande parroquia do país.

Viaxe a Euskal Herria

Viaxar a terras vascas cando se cumpren tres anos do anuncio do cesamento do fogo de ETA serve para comprobar in situ os obstáculos que pon o PP ao peche das feridas do conflito armado mais tamén as complicacións que atopa a esquerda abertzale para xerar un ambiente político que lle permita iniciar xa un proceso soberanista de longo alcance na liña do catalán.

O parapente na Galiza continúa a ollar para o ceo’ Máis de vinte anos de experiencias individuais e colectivas conseguiron asentar na Galiza a práctica deste deporte mais, problemas administrativos por diante, non conseguiron afianzar as competicións e o seu atractivo turístico.

Sempre Begoña

No acto de despedida de Begoña Caamaño, que tivo lugar en Boisaca esta terza feira día 28, Uxía leu unha carta escrita por Begoña na que a escritora transmite a súa alegría pola vida e o sosego diante dunha morte que sabe próxima. Recollemos a presentación de Uxía e, a seguir, a emocionante carta da escritora. A ilustración é o cadro de Leandro Lamas ao que se refire, agasallo das súas amigas naquel aniversario. E achegamos tamén as opinións de Marta Dacosta e Mercedes Queixas.

Salseiros de Suso Lista (Embora) e Transfusión Oceánica de Xosé Iglesias (Caldeirón) son dúas das revelacións literarias da tempada. Situáronse nas listas de máis vendidos e contan tamén co recoñecemento da crítica. En común teñen a orixe dos seus autores. Os dous veñen do traballo no mar e os dous son da Costa da Morte.

Entrevistamos a Andreia Agra Ferreiro, xornalista e apaixoada da papiroflexia: “Moitas veces estas tan concentrada que non pensas en nada máis. Só pensas en pasos que tes que dar.Hai momentos no que só escoitas o 'frufru' do papel”.

48 páxinas

Por vez primeira, o Sermos Galiza vai a 48 páxinas. Será así de forma bimestral, cada vez que apareza o suplemento Somos Galego, que estreamos esta semana e que elaboramos en parcería coa Mesa pola Normalización Lingüística.

Nesta entrevista, o presidente da MNL, Marcos Maceira, explica os contidos desta primeira entrega.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios