EVA ALMAZÁN, TRADUTORA EDITORIAL

“O Premio Nacional de Tradución é un fito da historia cultural galega”

Formou parte da equipa que verqueu ao galego o Ulises, merecente do premio estatal de Tradución. Eva Almazán fálanos da situación da tradución no A Fondo que publicamos a quinta feira 5 de marzo (disponíbel aquí).

Eva Almazán está acostumada a navegar entre dúas augas: a da lingua orixinal e a da lingua para que traduce. Forma parte desa nova xeración de profesionais con formación universitaria que provocaron toda unha revolución na tradución literaria galega.

-Ti pertences á nova xeración de tradutores ao galego con formación universitaria específica. Que impacto tivo a vosa incorporación na tradución ao galego e que mudanzas produciu?

-Por volta do 2000 houbo unha revolución na tradución literaria galega, que ata entón fora un exercicio de militancia galeguista. As editoras apostaron por normalizar a tradución recorrendo aos primeiros licenciados en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Foi unha retroalimentación: as editoras puxéronse a traducir en serio porque tiñan a quen encargarlle o choio e os tradutores profesionalizámonos porque as editoras nos facían encargas en condicións. Nun sistema normal ten que haber tradutores profesionais que fan o groso do traballo e de cando en vez a contribución especial dunha persoa allea ao gremio (escritores, docentes, filósofos...). Nese senso deuse un paso importantísimo cara á normalización do sistema editorial galego.

-E iso alterou o panorama da tradución ao galego?

-Ao meu ver esa mudanza foi definitiva. Os lectores afixéronse a ler clásicos e novidades sen linguas interpostas nin esperas. Hoxe publícase moita menos tradución ca hai uns anos pola crise económica, mais intúo que é unha conxuntura cuantitativa e que o cambio cualitativo non ten volta atrás.Veremos.

"Hoxe publícase moita menos tradución ca hai uns anos pola crise económica, mais intúo que é unha conxuntura cuantitativa e que o cambio cualitativo non ten volta atrás.Veremos."

-Como ves o futuro da tradución ao galego en formato libro, quer papel quer electrónico?

-Como lectora escollo sen dúbida o libro en papel, mais como tradutora prefiro a versión dixital. Unha biblioteca electrónica facilita e mellora enormemente o labor de tradución. O malo é que os tradutores galegos estamos en desvantaxe, pois o groso das nosas obras de referencia só están dispoñibles en papel a diferenza do que ocorre noutras linguas. E ademais imos para atrás (desapareceu a EGU en liña e Cumio xa non edita en CD, por exemplo). Cómpre avanzar moito por esa vía.

-Ti es hoxe unha das tradutoras de referencia de obras literarias ao galego. Como percorriches ese camiño?

-Son tradutora editorial pola suma de eleccións propias e circunstancias dadas. Tras licenciarme en Tradución traballei en investigación (estudos de posgrao) e tradución comercial (xeral, técnica, xurada), mais co tempo funme especializando en tradución de libros e revistas. Por estar alí e entón cadroume formar parte da nova xeración de tradutores profesionais que estaban a mudar o panorama da literatura en galego (e ás veces tamén representala, cousa para a cal non me dou moito xeito; prefiro mil veces traducir unha entrevista allea ca contestala).

-A tradución coral do Ulises, e o premio á mellor tradución do Estado en 2013, chega nun momento doce. Que supuxo o galardón, e que experiencias tiras do traballo en grupo?

-Xa tiña experiencia en tradución colectiva, que sempre me parecera unha boa forma de traballar en casos concretos. O Ulises é un deles, unha obra tan multidimensional, rica e complexa que a suma de competencias sempre enriquece o resultado. Ademais os catro tradutores queriamos dar o mellor de nós en prol dun proxecto máis importante ca a nosa carreira individual. A experiencia foi positiva en todos os sensos.

O Premio Nacional é un fito da historia cultural galega. Veu para Galicia contra todo prognóstico grazas ao labor xeneroso e afouto de toda unha comunidade. É un premio de moitos, de todos e para todos. A Xeración Nós trouxo o Ulises a Galicia para dicir: velaquí estamos os galegos, cunha lingua de primeira coa cal traducimos a vangarda da literatura. Que a tradución actual do Ulises reciba un premio fóra das nosas fronteiras culturais cumpre esa vocación expansiva dos devanceiros. Nese senso o premio ten gran valor simbólico. Vai asociado a moito máis ca as virtudes ou defectos técnicos da tradución e así ha de ponderarse.

"O Premio Nacional veu para Galicia contra todo prognóstico grazas ao labor xeneroso e afouto de toda unha comunidade. É un premio de moitos, de todos e para todos."

-De que tradución te sentes máis satisfeita? Cal pensas que tivo máis éxito, pegada e impacto no mundo da edición e os lectores galegos?

-Nunca me sinto totalmente satisfeita, xa que o noso labor é tan aberto que xamais se pode dar por rematado. É unha sensación universal dos tradutores e imaxino que doutros profesionais da creación. No meu caso penso cun calafrío nas miñas traducións e evito relelas.

Con todo, unha das traducións das que menos me arrepinto quizais sexa o Brooklyn Follies de Paul Auster. Aí atrás tiven que relela e cotexala co orixinal; empecei con medo, mais fun acougando ao ver que fixera un traballo digno reproducindo o estilo de Auster.

Ademais Brooklyn Follies foi un dos títulos máis representativos da revolución da tradución da que falabamos, símbolo da vontade e da capacidade de Galicia para participar do mercado literario internacional sen atrasos nin complexos. Foi unha aposta valente da editora que funcionou ben cos lectores e coa crítica e que abriu o camiño novo polo que transitamos agora.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios