domingo 24/10/21
NO A FONDO DESTA SEMANA

Pontevedra, a cidade amábel

O A Fondo desta semana -a quinta feira 19 de marzo nos pontos de venda habituais- detense na ribeira do Lérez para abordar Pontevedra como modelo. O caderno revisa as súas políticas urbanísticas, culturais e participativas.

modelo urbano 400
© Gustavo Sánchez

Da cidade, que vén de recoller o premio ONU-Hábitat en Dubai, analizamos as políticas urbanísticas, culturais, participativas e de recuperación da memoria, ben como a aposta na revalorización dos montes e o proxecto para unha futura planta de reciclaxe. O caderno complétase cunha entrevista a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do concello dende 1999 e candidato polo  BNG nas vindeiras eleccións municipais.

"Sabiamos que Pontevedra era un diamante en bruto con moitísimas posibilidades", afirma Lores nunha conversa na que repasa o traballo feito, os obstáculos e o que queda por facer. “Todas as cidades están posicionándose, e  nós facémolo cunha  cidade amable, atractiva, apetecible para pasear, para vivir, para criar fillos, para celebrar  eventos congresuais, deportivos, culturais…", subliña.

A cidade premiada

O caderno de análise repara nos motivos que levaron a Pontevedra a ser premiada entre o total de 406 proxectos de 95 países que optaban aos ONU Hábitat. Un recoñecemento que se une a outros distintivos xa obtidos pola cidade, como o Cermi 2006, o Premio Nacional da Cultura Galega 2008 ou o Intermodes 2013.

"O caderno de análise repara nos motivos que levaron a Pontevedra a ser premiada entre o total de 406 proxectos de 95 países que optaban aos ONU Hábitat."

O A Fondo revisa as claves do modelo urbano da cidade do Lérez: as políticas de peanolización, as actuacións para a mellora da accesibilidade, a reconquista de espazos públicos, a reducción do tráfico e das emisións de CO2 ou os Camiños Escolares, os roteiros que fomentan o desprazamento dos nenos e nenas aos colexios a pé e de maneira autonóma.

A planta de compostaxe, prevista para 2017, é outra das cuestións que centran estas páxinas dedicadas a Pontevedra, ben como o proxecto "Monte Vivo", para a recuperación forestal do concello. Sobre a planta de compostaxe pronúnciase Juan González, o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra: "Axudará á limpeza e mantemento dos montes do municipio".

"No caderno de análise do Sermos analizaranse tamén os procesos participativos postos en marcha no municipio a través de instrumentos como os consellos"

No caderno de análise do Sermos analizaranse tamén os procesos participativos postos en marcha no municipio a través de instrumentos como os consellos, que reúnen a asociacións e entidades implicadas ao redor do tema que se quere abordar, dende citas lúdico-culturais como a Feria Franca, até as prioridades para as parroquias.

A recuperación da memoria é outro dos aspectos nos que o concello máis ten destacado, con fitos como a celebración do Ano Castelao e o Ano Bóveda, ou as rutas pola cidade ao redor de figuras como Sarmiento ou o propio Castelao. O artigo que se lle dedica no A Fondo debrúzase sobre os retos que a cidade se marca ao respecto, como a recuperación da memoria das mulleres e do patrimonio das parroquias.

*Fotos de Gustavo Sánchez

comentarios