Un A Fondo cos 100 números de Sermos no retrovisor

Esta quinta feira chegou aos quiosques o número 100 do semanario Sermos Galiza e, con tal motivo, decidimos dedicarlle o A Fondo desta semana á traxectoria do xornal ao longo destes seus dous anos de vida. 

Sermos Galiza viu a luz por primeira vez en 2012 grazas ao apoio de centos de persoas que entón se mobilizaron para devolver aos quiosques a presenza dun semanario en galego. Persoas movidas por dúas paixóns: polo país, pola lingua, pola nosa cultura, e tamén por un xornalismo libre.

Escriben para este A Fondo o director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto, e mais o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, así como o polífacético Xurxo Souto. Ademais, repasamos, cunha selección das nosas capas máis destacadas, aqueles números que supuxeron un fito ou un punto de inflexión na publicación. Así mesmo, catorce dos nosos lectores e lectoras, de todo o país, e dos máis diversos sectores, cóntannos os seus motivos para ler Sermos. Inserimos tamén neste A Fondo unha entrevista á xerenta de Sermos, á responsábel no día a día do funcionamento das engranaxes da empresa, Anabel Gulías.

"Como sociedade, non nos vale a visión madrileña da vida e do mundo, moito menos nos vale a visión madrileña da Galiza. Sermos Galiza ten claro que ou construímos unha prosa própria sobre a nosa nación ou estamos condenados a estancarnos como país", afirma o director de Sermos Galiza no Limiar do suplemento, ao mesmo tempo que agradece á Comunidade Sermos, que agrupa a toda aquela xente que le, apoia e colabora co proxecto, a súa implicación: "Somos o que somos grazas á Comunidade Sermos e seremos no  futuro o que a Comunidade Sermos queira que sexamos"

"Cen anos máis de Sermos!", pide Xosé Manuel Pereiro, decano do CXPG, no seu artigo. Recoñece o mérito de que, malia ás dificultades, medios en galego como Sermos estean sosténdose cos lectores, e "non precisamente con subvencións". O decano refuta as voces e gurús 

que prevén o fin do papel, recalca a súa eficacia e sinala que o único futuro do papel que nos debería preocupar é o futuro do xornalismo.

Un xornal non tería sentido sen as súas lectoras, sen os seus lectores. Por iso, en Sermos decidimos darlle voz para saber por que nos len. As respostas veñen dos máis variados puntos do país e dende ámbitos como o cultural (Saleta Goy, Agustín Fernández Paz, María Xosé Canitrot), até o agro, o naval ou o mundo da pequena empresa.

Dinnos como se le Sermos nos bares ou dende a emigración. Cóntannos por que agasallar cun Sermos ou optar por novas posibilidades de subscrición como a verisón en pdf. E, sobre todo, fálannos das razóns do seu compromiso para co xornal.

Unha dupla páxina coas capas máis destacadas de Sermos permítenos facer unha viaxe rápida pola súa traxectoria, polas súas inflexións, polos seus logros, polos seus retos, polos cambios en deseño ou incorporación de novas seccións.

Anabel Gulías, a xerenta de Sermos Galiza, amosa na entrevista final unha perspectiva privilexiada e poliédrica: a de quen coñece non só o medio como tal senón tamén as engranaxes da empresa.

Pechamos este A Fondo cun artigo de Xurxo Souto. "A opción destes cen números ─di respecto ao semanario─ resulta moito máis acaída. Soberanía con alegría! Porque deixamos de ser espectadores para nos converter en protagonistas do noso tempo, cando á fin aparece na clave do pentagrama a palabra Galiza".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios